Cando se van?

Cando se van?

\“Nunca sabemos quando somos sinceros. Talvez nunca o sejamos. E mesmo que sejamos sinceros hoje, amanhã podemos sê-lo por coisa contrária\”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Parece que hai tanto tempo, e realmente aínda foi onte. Fixéronnos escoitar outra vez -outra de tantas- os ouleos dos raposos moinantes, ata estouparnos os tímpanos, ata que amansaron os limpos zunidos do vento fresco que nos permitiu bafexar un instante, ata toldarnos a mirada clara e alodarnos, sen reparo, a luz do día que nunca chega. Ou que non a deixan chegar.
Parece que pasou unha eternidade e aínda foi onte, cando aprendemos a pronunciar o seu nome, ou case a compartir, a tan desexada candidatura unitaria. E todo quedou en nada. Deixámonos guiar outra vez -outra de tantas- polos ouleos dos raposos moinantes, polas trécolas dos que nos rillan a orella, facéndonos crer que crían naquilo que lle chamaran candidatura unitaria. E, outra vez, todo quedou en nada.
Por un instante, só por un instante, volvemos ser os ilusos de sempre –parvos, coitados- intentando chegar xuntos acolá, onde se tecen as corozas que tanto precisamos, para vencer a perdurable invernía que nos invade e nos abafa. Mesmo chegamos a pensar que podiamos camiñar e cantar xuntos, todos coa mesma voz, coa nosa fala, cos nosos berros desesperados e necesarios. E, agora só podemos escoller entre nada e case nada, grazas aos sinfónicos ouleos dos raposos moinantes.
De pouco vale sabermos que nos empurraron outra vez ao abismo, se a culpa sempre é dos outros. Ou dos tempos escuros. Ou da lúa. Ou do nabo. A culpa sempre é de todos, agás dos que teñen culpa do que pasa. E nunca pasa nada. Ou, pase o que pase, aí seguen os eternos gardadores das esencias, os reis dos discursos infalibles, os que se senten posuidores da verdade, a pesar de dicir arestora unha cousa, e dentro dun pouco, a cousa contraria. Aborrécennos, porque sempre perden a memoria, cando teñen que coller o andante, cando teñen que deixarlle paso aos que intenten andar o camiño que eles levan desandado. Son como son, e nós talvez somos así, conformistas apampados, sen valor para apartalos e mandalos tocar a chanca.
Ah! Dentro duns días imos ter que votar e os lacoeiros seguirán aí, predicando, dicíndonos o que temos que facer, para non facer nada. Mentres os carrapatos e as samesugas que nos zugan a sangue, non deixan de azacotar aos larpeiros de sempre, aos amos do cotarro. E nós que pintamos? Como di o meu tío Lisardo, nós non pintamos nada, somos coma unha vírgula intentando deter unha recua de cabalos desbocados. En fin, somos teixugos amansados, agardando a que toque votar de novo, para escoitar outra vez os ouleos dos arqueozoicos raposos moinantes.

Xosé Antón Jardón Dacal