domingo. 04.12.2022

“Cecais se secarían as fontes dos teus versos, miserable. Por eso cantas, inzas de verborrea sin sentido as rúas e prazas do teu imperio de xoguete”. (Xoguetes pra un tempo prohibido, Carlos Casares.)

IMG_8750Aínda que pensemos o contrario, os almanaqueiros eclesiásticos suman ao revés para calcular cando toca a Coresma. E para botar as contas non teñen reparo en acudir aos deuses pagáns: o sol e a lúa. E así, declaran domingo de Ramos o primeiro posterior á primeira noite de lúa chea que cae na soleada primavera setentrional. Despois só hai que contar corenta días cara atrás e atopamos o primeiro día da Coresma: o mércores de Cinsa. E, obviamente, os laicos de por aquí chámanlle martes de entroido ao día anterior. E ata aí, festa rachada.

De maneira que, seguramente foi a partir diso, cando descubrimos que as cousas nunca son como acontecen. Sempre acaban sendo como queren que as percibamos os fabricantes da verdade. Malia existir incautos que coidamos que a verdade é un concepto inmutable, non hai que madrugar moito para comprender que a verdade é unha especie de crenza talmente mudable. É, nin máis nin menos, iso que os incrédulos practicantes lle chaman “depende”.

Os fabricantes da verdade, primeiro deciden o que lles convén, despois planean o que vai pasar, e cando pasa iso que eles mesmos argallan, entón a culpa é dos macacos que nunca fan nada distinto do que lle ordenan.

Mais, non pasa nada. Urdangarín, Rato, Blesa, a muller do cuñado do monarca, a cuadrilla da Gürtel, os da caixa de aquí, os do caixón de acolá, os da caixa B, os enchufados e ben pagados da redes eléctricas manuais, incapaces de cambiar unha bombilla ..., aínda que sexa tarde mal e nunca, sempre rematan sendo responsables, todos acaban sendo condenados. Mais esa é a verdade que nós tragamos. A auténtica verdade, a real, é que ningún acaba entrando no caldeiro e ningún devolve o que levou mal levado, porque sempre son insolventes. Vaia, irresponsables! Hai que “goderse” con esta verdadeira verdade tan pándega!

Así que, nestes tempos tan atoldados e tan cheos de bulleiro, malia a escaseza de chuvia, o que nos permite gozar coma bobos despreocupados, é a abundancia de verdade.

Ah! E con todo isto, o meu tío Lisardo observa estupefacto como o tal Trump incrementa o orzamento das escopetas en 54.000 millóns de dólares, mentres o noso Presidente, no canto de mandalo ao nabo, limítase a rirlle as grazas e a ofrecérselle para desbrozar cadabullos, nesta coresma insoportable que sempre comeza e nunca acaba. Pois como dixo Abrahan, a propósito do mércores de Cinsa: “Aínda que soamente son po e cinsa, atrévome a falarlle ao meu Señor”. Pois iso. Que gran vasalo, se houbese gran señor!

Xosé Antón Jardon Dacal

Comentarios