Correr para fuxir e non para chegar

134
Correr para fuxir e non para chegar

\“En Roma solicitara ser recibido polo papa dos cristianos e non gañara senón dúas fortes pancadas no pescozo por parte dun cura grande e lambón que lle chamou impostor e falsario.\” (Os escuros soños de Clio, Carlos Casares).

134Nin o tal Pedro Sánchez, nin o vasco, nin a insulsa contrincante andaluza -obrigada a engulir o andazo das primarias- son quen de despertar o máis mínimo interese no meu enferruxado e adormecido pensamento. Se acaso unha vulgar curiosidade.

Mais de algo hai que falar. Porque, cando os días renden máis da conta cómpre levar o caletre cara algures, para ocupar as horas mortas, especialmente nesta primavera de arrepíos enfermizos que, no canto de aflorar unha chisca de esperanza, porfía canto pode para eclipsarnos o amencer que sempre se esfuma antes de insinuarse. E, se por un casual se presentase, só viría para alporizarnos o espírito, mercé á actitude cínica e porcalleira da caste de paxaros, con plumaxe escura e crista de ministros, que infestan a evidencia con pérfidas artimañas, porque están demasiado afeitos a emboutar aquilo que non lles pertence coa fedorenta cotra que eflúe dese inhóspito lugar coñecido como \“as cloacas do Estado\”.

De maneira que, volvendo ao caso, e descartado ao vasco e á andaluza, sería desexable que o tal Sánchez fose capaz de estirar as costuras do seu ideario e dar algo de si –entendendo por algo o \“case nada\”- para armarse do valor necesario e distanciarse dos que controlan o cotarro, ata posuír a coraxe de remelarse contra os que pretenden embebedarnos coa substancia que emana dos miolos de determinados gardiáns da patria, empeñados en facernos crer que ese líquido, escuro e alodado, que enche os regatos do sistema e as páxinas da información mangoneada é máis limpo cá propia auga potable.

Ah! Contoume o meu tío Lisardo que, alá polos mediados dos sesenta, cando o ditador portugués, António de Oliveira Salazar, se decatou da existencia de milleiros de portugueses esfameados, pediulle aos seus asesores que lle trouxesen propostas para sacar ao país da indixencia. Deseguida agromou un ocorrente, coa idea de que a mellor maneira de acabar coa penuria dos lusitanos era declararlle a guerra aos Estados Unidos de América e, ao perdela, Portugal converteríase de inmediato nun novo estado da Unión, acabándose así a fame para sempre. Mais, como nunca hai dous sen tres, pronto apareceu o tocagüevos que non tardou en replicarlle: «E se gañamos?»

Corolario: No sistema que nos envolve hai pouco sitio para os que, coma o tal Sánchez, corren para fuxir e non para chegar. Porque se perde, non vai dar escapado da tunda que lle propiciarán os da súa casa e os encargados de contarnos o que pasa. E porque se gaña, non vai ser quen de aguantar as picadelas dos galos vellos que seguen campando no alto do poleiro.

Xosé Antón Jardon Dacal.