O desastre de todo canto se soñara

O desastre de todo canto se soñara

\“O desastre de tudo quanto se sonhara, a vergonha de tudo quanto se conseguira, a miséria de viver sem vida digna que os outros pudessem ter conosco, a sem vida dos outros que pudéssemos dignamente ter\”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Cara a final de mes, os alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos vanse xuntar para elixir ao seu interlocutor diante doutras institucións e, para facer que fan, definir as reivindicacións do municipalismo galego nos vindeiros catro anos.
A asemblea da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) vai ser un arremedo daqueloutra que celebraron o mes pasado os alcaldes do Estado español. Soubemos que foi elixido presidente o alcalde de Vigo, e que entrou no órgano executivo o presidente da deputación de Ourense. O demais foi pantomima. Unha boa mostra foi o documento, bautizado co nome de \“declaración de Zaragoza\”, axinado polo alcaldes da Coruña e Santiago, canda outros colegas do Estado, sen que ninguén nos explicase as razóns polas que meteron o Miño e o Ebro no mesmo saco, cando nin sequera hai semellanza no líquido que corre polas súas canles.
Hai uns anos, os alcaldes galegos (os do PP e os do PSOE, tamén) defendían con naturalidade a autonomía municipal, fixeron súas as propostas nacionalistas en materia de finanzamento, e estiveron a piques de conseguir que esa palabra que tanto lle enche a boca aos que falan dende Madrid –a solidariedade- entrase na saca dos fondos estatais dedicados aos concellos, a fin de mudar os vellos e inxustos criterios de reparto.
Todos tiñan claro que o asentamento e o envellecemento da poboación debía formar parte dos criterios de reparto dos fondos estatais. Sen esa condición previa, calquera reforma local que se pretenda de pouco lle valerá á cidadanía galega. Porque sempre será máis caro prestarlle servizos á veciñanza dun concello galego de 6.000 habitantes, con 90 entidades de poboación, ca prestárllelos á poboación dun de Segovia coa mesma poboación, asentada nun único núcleo. Porque, por cativa que sexa a incidencia de tales criterios, Galicia facilmente pasaría a recibir o dobre dos actuais 600 millóns de euros que entran nas súas contas. E, en fin, porque reivindicar diante do Estado, unha mínima autonomía municipal e xustiza para os seus representados, debería ser a primeira obriga de calquera alcalde que se prece como tal.
O meu tío Lisardo coida que ese amansamento dos alcaldes galegos -dalgúns que levan a chapa galeguista agochada detrás da solapa, tamén- comungando ou tolerando as actuais políticas recentralizadoras, en detrimento da autonomía política, sempre minguará o benestar e a xustiza social da veciñanza galega.
Ah! Velaquí outra razón máis para tratar de conformar unha candidatura unitaria nacional galega que chegue ás Cortes do Estado con voz propia.

Xosé Antón Jardón Dacal