Esencias da preguiza: o dilema

403
Esencias da preguiza: o dilema

\“A verdade é que eu non pensara en nada concreto, fora unha frase que me saíra de xeito espontáneo, como se pretendese aclarar algo que non entendía.\”

(O sol do verán, Carlos Casares).

403Hai tipos que ás veces, só ás veces, fan as cousas sen pedirlle permiso á cabeza. Velaí que, nunha arroutada, esoutro sobriño do meu tío Lisardo conveu consigo mesmo que, ao xubilarse, escoitaría os latexos do seu reloxo estampando ferras nos cascos das bestas. Mais o que non fixo, foi deterse a pensar que podía acabar encerellado nas pexas da lexislación vixente. Porque unha cousa é que un cura perda a parroquia e siga dicindo misa, ou que un médico se retire sen deixar de exercer a medicina; e outra cousa ben distinta é xubilarse dun traballo normal e, por riba, enlearse nun oficio socialmente descatalogado. Temperar almas ou axeitar corpos, aínda que sexa cobrando, sempre é meritorio. Pórse a gobernar os cascos das cabalerías, aínda que sexa de balde, pode acabar metendo a calquera nunha cerallada do nabo.

Así e todo, o cismón do fulano presentouse nas oficinas da Seguridade Social con dúas instancias: unha para reclamar a xubilación de avogado, e outra solicitando a compatibilidade de pensionista co oficio de ferrador.

–Que es un \“ferrador\”? No figura en el catálogo. Esa profesión no es compatible con nada. Su solicitud no puede autorizarse –díxolle a funcionaria, malia ignorar o significado daquela palabra tan común.

–Imos ver, señorita. Coido que arestora aínda non toca resolver o asunto, e menos verbalmente. Vostede terá que tramitar o expediente e... e, ao mellor, darme audiencia antes de ditar a correspondente resolución. Equivócase se pensa que vou ficar cos brazos cruzados!

–Xa vexo que é moi listo. Se non me quere facer caso, teremos que requirilo para que presente unha chea de papeis que, ao cabo, non lle valerán para nada –díxolle, agora en galego, aquela laverca con aire de ministra do ramo.

Ah! O meu tío Lisardo di que andar dentro da lei pode converterlle a vida a calquera nun auténtico calvario. E andar fóra? Pois tamén. Velaí o gran dilema.

Xosé Antón Jardón Dacal.