A GRANDEZA DOS QUE CASE PASAN DESAPERCIBIDOS E SON CAPACES DE MUDAR O MUNDO

Miguel cura Para de Outeiro D.E.P.
A GRANDEZA DOS QUE CASE PASAN DESAPERCIBIDOS E SON CAPACES DE MUDAR O MUNDO

Miguel, hoxe na lembraza e sempre na memoria.

Antón Jardón

Se mal non me recordo, coñecín, mellor dito vin por primeira vez, a Miguel –ou don Miguel– aquela tardiña de primavera do ano sesenta e nove, en Lamadecima, entre Parada e Castelaus, cando un home descoñecido lle axudaba a esparexer o esterco a uns veciños que preparaban a terra para a sementeira das patacas. Eu tiña oído falar dun cura novo que chegou no canto de D. Ignacio, un cura que non vestía de cura, metíase entre a xente con naturalidade, falaba galego coa veciñanza e celebraba os actos litúrxicos, tamén en galego.

2022_1_12_99530s740xAlgún tempo despois criou, nos baixos da reitoral, o Chabolo, o lugar de amizade e mocidade, o centro de coñecemento, o espazo de encontro coa nosa cultura, coa nosa lingua –que raro que aqueles que falabamos acotío o galego tiveramos que aprender que o noso idioma era o galego!– Fomos ao encontro estudantes que simpatizabamos co PC, co PSG, coa UPG ou con ningunha formación política, mais, no Chabolo, aprendemos a pensar libremente os que nunca deixaramos de facelo, aprendemos a ser solidarios e veciños dos veciños os que nunca deixaramos de selo, aprendemos a ser galegos os que nunca foramos outra cousa.
Miguel non tardou en impulsar a cooperativa Vincallo, para vender aquelas poucas patacas que sobran da colleita, para mercar conxuntamente os minerais e a semente, para aforrar unhas cadelas, mais, sobre todo, para tratar de sermos nós mesmos, para comportarnos como veciños, para entendermos que vivir no mesmo lugar, na mesma parroquia, no mesmo concello, no mesmo país, cunha historia e cunha lingua común, era algo máis ca unha casualidade.

E, claro, houbo que comezar a afrontar a realidade social e política, as verdadeiras necesidades e reivindicacións dos labregos e darlle xeito ao asociacionismo agrario, aínda clandestino, con Franco vivo, e Miguel –ou don Miguel– apareceu coma un dos impulsores do sindicalismo agrario, alí nos encontramos tantos e tantas, labregos ou non no Sindicato Agrario Galego. En fin, había que aproveitar as primeiras eleccións municipais para desaloxar o franquismo e o caciquismo do concello e foi Miguel –ou don Miguel– quen nos convenceu de que, en Vilar de Santos, era posíbel.

Hai máis de cincuenta anos que se celebran en galego os actos litúrxicos en Parada, outros tantos que un cura comezou a practicar o cristianismo en cristián, e arredor de vinte mil dias petando os raios de sol pola mañá contra a galería da casa do cura de Parada. E, nese lugar, hai máis de vinte mil noites que son o resultado de poñerse o sol ao anoitecer, coma en calquera lugar do mundo, sen que ninguén se volvese tolo por culpa diso, sen que por culpa diso e de tantas cousas boas, das que si ten tido a culpa o cura de Parada, sexamos peores co resto da humanidade.

[Hoxe, ao saír o sol, petaron novamente os raios nos cristais da reitoral de Parada, mais xa non hai ninguén dentro capaz de agarralos coas mans e esparexelos polos recunchos sombrizos, sempre tan ateigados de musgo e negror, para que a esperanza de que a luz chegue algún día nunca se perda].

Obituario: Antón Jardón