Unha hora menos en Canarias

Unha hora menos en Canarias

\“Caían pesadas as horas do reló da torre e cada unha amosaba máis claramente aínda a magnitude da desfeita\” (Xoguetes pra un tempo prohibido, Carlos Casares).

nuñez feijoPasou o día e pasou a romaría. Nin traspaso da AP-9 nin nada polo estilo. Don Alberto recuperou o seu letargo patriótico, en canto uliu que o seu compadre don Mariano –o Giulio Andreotti español- tiña garantida a investidura, mercé ao compromesso storico, á responsabilidade con España do PSOE, que nesta ocasión trata de emular a aquel Partido Comunista italiano que, nunha das sete veces en que o italiano foi presidente do goberno, foi o encargado de garantirlle a continuidade.

Para recuperar o seu compromiso coa España una y grande, o señor Feijoo botou man de elementos determinantes. Un con aparencia científica, malia a súa condición de norma xurídica: o cambio de hora. E, outro con pinta de asunto antropolóxico, malia o seu aspecto dun elemental problema de marcos: Lusitania.

O noso ilustrado Presidente, tratando de emular a don Mariano, aproveitou o debate aberto en Galicia, sobre o fuso horario que nos convén aplicar, para agraciar aos de aquí e aos de acolá cunha insólita e incuestionable definición da españolidade, fundamentada na contundente afirmación do obvio, ou na nítida negación da evidencia. «Yo no soy portugués, soy español».

Mira que non lle faltarán materias, tempos, lugares e argumentos ao tricampión úrnico, para insinuarlle a uns e aos outros, que é un fervoroso defensor da unidade de España, sen necesidade de converter o fuso horario nun novo principio constitucional, e polo tanto incuestionable. Pero, cando un é, é e santas pascuas!

Se o presidente do noroeste de España, para afianzar as súas conveniencias políticas, con pinta de inofensivos reloxos, tivese a ocorrencia de recorrer aos defensores do Brexit, malia estar tan mal vistos en Europa, a súa tese sobre horarios necesitaría argumentos científicos, que mesmo poderían ser cuestionables ou rebatidos por voces discrepantes. Mais, con semellante comparanza, botando man dos portugueses –ou desa concepción que insinúa ter dos que moran do outro lado da raia- non precisa maior argumentario. Si señor, non somos portugueses, somos canarios!

Ah! Díxome o meu Lisardo que, con esta xente tan insaciable, hai que ter coidado e andar finos de orella. Nunca perden a ocasión para uniformizar a mensaxe. Comezan esixíndoche a abstención, \“por el bien de España\”, e antes de que te absteñas xa che están reclamando que lle garantas o goberno durante catro anos. E se non fas o que mandan, xa sabes, novas eleccións antes de que cante o galo.

Xosé Antón Jardón Dacal