En Marea: Viño con gasosa ou Tinto de verano?

73 - copia
En Marea: Viño con gasosa ou Tinto de verano?

\“Porque as opinións divídense ata tal punto, que resulta pouco menos ca imposible atopar a dúas persoas, cuxa visión do caso coincida nunha parte.\” (Cambio en tres, Carlos Casares).

O enigma de En Marea non se resolverá ata que saibamos se prefire ser Viño con gasosa ou Tinto de verano. Coa primeira opción pode perder parte da súa condición xenuína, mais seguirá conservando o sabor a viño. Coa segunda será unha especie de xaropada, con pouco sabor, totalmente etérea. Iso non impide que, no caso de extrema necesidade, puidese servir para aliviar a sequidade. Así e todo, cómpre saber ben o que se bebe, para non levarnos a engano, pois se hai quen pensa que tal beberaxe –o Tinto de verano- vale para apagar a sede, estámosche aviados.

O que acontece na verbena previa ás eleccións galegas, convocadas polo lenhendakari para o 25 de setembro, é que os da gasosa –Podemos e EU- prefiren que inxiramos a bebida con menos carga etílica, ata conseguir que a auga con burbullas alcance a categoría de esencial. Vaia!, coma se a gasosa tivese esencia. Como ben dicía o meu tío Lisardo, se o viño é bo non precisa gasosa, e se é malo, xa a trae da fábrica. Mais, cando non hai outra cousa, ou bebes o que tes á man, ou resistes e aguantas a secura. Iso si, correndo o risco de deshidratarte. E, hoxe por hoxe, os tempos non están para degustar exquisiteces, porén deberiamos estar máis predispostos a anovar e experimentar.

Mais, se for o caso, o que hai que facer é armarnos da coraxe necesaria para garantir a galeguidade do refrescante, procurando que o viño, amais de ser autóctono, domine a mesturanza. Mesmo hai que garantir que os morfemas léxicos do programa sexan declinados en galego, aínda que só sexa para non revolverlle o estómago aos defensores acérrimos dos produtos orixinarios e dos sabores primarios.

Ah! Como son tempos de seitura e a més xa non ten agarda, e porque catro anos máis enzafallados polas mesmas políticas acabarán definitivamente co País, o meu tío Lisardo pensa que, así e todo, unha cousa é tratar de apagar a sede, e outra ben distinta é que haxa quen acabe crendo que, por termos que facer xuntos unha etapa do camiño, xa estamos en condicións de durmir na mesma cama. Iso sería tanto coma pensar que Feijoo está no noso bando porque, para xogar ao descoido, cualificou de \“disparate\” a denegación dunha subvención do Goberno central a dous concellos galegos, por enviar papeis a Madrid escritos na nosa lingua. Hai que goderse co tal das polainas!

Cambio en tres é unha obra de Carlos Casares, cuxo argumento xira arredor dun protagonista -homónimo do meu tío Lisardo, e emigrante coma el- que retorna a Galicia para asistir ao enterro dun amigo da infancia. A dicir dos entendidos, neste relato, o autor seica optou por un estilo anovador e experimental. Pois iso.

Xosé Antón Jardón Dacal.