O mercado da boubería peninsular

cats 2
O mercado da boubería peninsular

\“Cando lle preguntei que pasaba, puxo os dedos nos labios para pedirme que me mantivese en silencio e logo seguiu na misma actitude expectante.\” (O sol do verán, Carlos Casares).

cats 2Cada día que pasa abunda máis no mercado da boubería peninsular unha caste de crápulas traxeados que, polo feito saír a diario na televisión, coidan que tal circunstancia os fai merecentes de ter cartos e mando en praza, e antes do primeiro café xa nos esixen que lle asinemos o salvoconduto que os faculta para presumir de modelos respectables, capacitados para dirixir o tinglado, con dereito a manexar en exclusiva o tiraliñas que traza as raias que separan o pecado da honestidade.

Por iso sería desexable que, aínda que fose con nocturnidade e aleivosía, aparecera algún atrevido disposto a empurrar as fustrigas acaídas, para medirlle as costas a estes demócratas de pacotilla, ata obrigalos a domear o xeonllo e pór ao clareo a súa pelica, a fin de branqueala dabondo, para dotala do grao de elasticidade e humildade que lles faga comprender que a súa aparente louzanía só é a falsa cor dunha doenza aguda que, se non lle aplicamos medicación en tempo e forma, pode ir cara unha malura crónica que acabará precisando lustros de \“i-máis-de\” de moitos especialistas, para dar co antídoto adecuado que atalle a metástase. Iso é o que, por desgraza, xa está acontecendo no sistema cardiovascular do reino de España.

Ah! A modo de exemplo, e só co ánimo de ilustrar os anteriores comentarios, o meu tío Lisardo síntese abraiado ao constatar como permanecemos impasibles vendo entrar polas cocheiras da Audiencia a un testemuña que, para máis inri, traballa de presidente do Goberno de España. E, para que a sentenza cree xurisprudencia, un futbolista, Cristiano Ronaldo, investigado por fraude fiscal, repite a mesma xogada, entrando tamén polo garaxe. Mais como as patadas, se non enfían ben o balón carecen de valor, don Vicente del Bosque e outros tales saen na televisión para dicirnos que poñen as mans no lume por outro ilustre imputado: don Angel María Villar. Mentres suceden esas cousas, tan insignificantes, as autoridades competentes acordan cesar a un consul, por facer unha brincadeira á custa de dona Susana.

Menos mal que aínda nos quedan Maduro e Puigdemont para podermos pasar o rato!

Xosé Antón Jardón Dacal.