Miguel Fernández Grande, o último mohicano.

800px-Igrexa_de_Santa_María_de_Parada_de_Outeiro,_Parada_de_Outeiro,_Vilar_de_Santos
Miguel Fernández Grande, o último mohicano.

\“Eu nunca guardei rebanhos, / Mas é como se os guardasse. / Miña alma é como un pastor, /Conhece o vento e o sol / e anda pela mão das Estasões / A segir e a olhar.

( O guardador de rebanhos», Alberto Caeiro, heterónimo de Fernando Pessoa)

800px-Igrexa_de_Santa_María_de_Parada_de_Outeiro,_Parada_de_Outeiro,_Vilar_de_SantosSe eu tivese que comparar ao crego Miguel Fernández Grande cun personaxe de referencia, non dubidaría en acudir a un pouco coñecido, que posuíra bastantes cualidades dos humanos e case ningunha dos heroes. Buscaría alguén que emanara unha boa dose de coherencia, aínda que arrastrase as lóxicas contradicións das persoas que, malia vivir a vida intensamente, atravesan por ela con total normalidade.

E se me fixeran pórlle nome a ese referente, eu talvez botaría man de Alberto Caeiro –outro nome de Fernando Pessoa– ao que lle tomei prestada a cita da cabeceira. A min gústame ese humilde gardador de rabaños que nunca gardou nada, teimudo campesiño, operario da simplicidade, capaz de deixar de lado os dogmas filosóficos e metafísicos, para facilitarlle aos demais o entendemento e a comprensión do seu pensamento, honesto e intenso, mediante unha linguaxe simple e familiar.

Así é como entendía –e entende– Miguel o seu cometido. Aquel cura que, ao igual que Virxilio e Xosé Benito, fora literalmente desterrado polo bispo Temiño, de Ribadavia a Parada de Outeiro no ano 1969, por pensar que a doutrina do Concilio Vaticato Segundo agromaba para ser posta en práctica, para mudar un mundo que parecía inmutábel, e non para escondela no fondo dos baúles das sacristías.

Hai cousa dunha semana, Miguel, o cura de Parada, aparcou o seu labor activo no sacerdocio, despois de levar preto de sesenta anos gardando rabaños de sensacións, de pensamentos, de compromiso coa xente do común, de ousadía necesaria, de tolerancia e de respecto; despois doutro tanto tempo falándolle á xente na súa linguaxe e, por suposto, na súa lingua, a lingua proletaria do seu pobo, tan menosprezada polos patufos desleigados e polos pequenos mequetrefes sen raíces, que diría Celso Emilio Ferreiro. Porque, cando alguén o que busca é obediencia e fe cega, o primeiro que fai é falarlle á xente nunha lingua allea, para que todos saiban e entendan quen ten o mando. Pero se un devece por tratar aos outros coma os seus iguais, se o que busca é comprender e que o comprendan, o que sempre debe facer é falarlles na súa lingua materna. E se amais diso quere compartir as inquedanzas dos humildes, porque padece e comparte os mesmos problemas, entón debe camiñar no mesmo bando, na procura da liberdade, na reivindicación dos seus dereitos e, claro!, na loita por máis benestar.

Aí foi onde sempre estivo Miguel, no bando dos incorrixíbeis defensores da necesaria perseveranza, ao lado dos seus iguais, na solidariedade universal, lonxe das bancadas dos xerarcas, falando a lingua da xente, inmerso nos alicerces das ideas limpas e comprometidas, na coherencia cotián e na honestidade dos seus profundos sentimentos, malia esas reviradas tempestades que suscitan os que gozan debuxando con chapapote trazos grosos e escuros, para separar con nitidez aos amos do poder e da fartura dos condenados a vivir coma escravos no bulleiro da miseria.

Ah! Fómonos deixando imbuír polo discreto vendaval da pérfida docilidade, ata apamparnos de tal maneira, que xa nin sequera temos azos para valorar acaidamente as leccións e as achegas dun tipo coma o Miguel, especialmente nun mundo rural, no que el sempre se sentiu tan a gusto, que se vai derretendo sen remedio. Por iso, o meu tío Lisardo quixo traer aquí a reflexión de James Fenimore Cooper, que lle deu o título a súa novela O último mohicano, "Cando Uncas siga os meus pasos, non quedará xa ninguén do sangue dos sagamores, pois o meu fillo é o último dos mohicanos\”.

Xosé Antón Jardón Dacal