Pedro, ti sabes o que é unha nación?

233
Pedro, ti sabes o que é unha nación?

\“A discusión iniciouse como unha simple conversa, sen reproches, pero unha hora máis tarde marcharon incomodados cada un para a súa casa.\” (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares).

233Don Pedro Sánchez, flamante secretario xeral do PSOE, afirmou antes de gañar as segundas primarias que, "España é unha nación de nacións cunha única soberanía".

Estes gurús da política pensan que poden pescar as troitas coas bragas enxoitas. Comezan monologando estas lindezas, pensando que están no Club da Comedia, e mesmo se atreverían a afirmar que o español é un idioma de idiomas, para acabar dicindo que o Real Madrid é o único equipo que merece ser campión de liga, porque os da periferia só serven para iso, para estar calados e dar tabaco. O que acontece é que o tal Sánchez, malia ter cara de bo rapaz, é algo tarambaina, por iso a súa alter ego, dona Susana, inmediatamente o reprendeu reclamándolle\“un modelo territorial que garanta cohesión e igualdade\”. E, para deixar claro que o de Madrid xogaba de farol, o señor Patxi López rematou a faena coa consabida pregunta: \“Pedro, ti sabes o que é unha nación?\”

Todo facía supor que a resposta do madrileño estaba chupada, pero a cousa púxose escura cando don Pedro pretendeu cambiar a conversa e comezou a rañar o pescozo, para ver se o respectable público tragaba a copla de que padecía unha alerxia primaveral, aínda que todos marcharamos cara a nosa casa pensando que o seu proído era a doenza dos que falan por non estar calados, tamén denominada ignorancia supina.

E senón é así que llo pregunten ao pretoriano da \“España una y grande\”, o señor Rajoy, quen non tardou en descubrir que, cando a cabeza dun polo está en carne viva, o primeiro que fan as pitas envexosas é picarlle varias veces na ferida, ata que a sangue corra en fío. Por iso non tardou en requirir ao profano, a fin de que definise o seu modelo territorial canto antes. Evidentemente o outro deulle a calada por resposta, porque as quenturas igual ca veñen, tamén se van.

Ah! O meu tío Lisardo alucina ao observar como a primeira chamada do paladín da \“nación de nacións\” a don Mariano -o tipo que mantén relacións íntimas cos nacionalistas vascos- foi para darlle o seu apoio á posición do goberno no asunto do referendo catalán. Hai que \“goderse\” co nivelazo destes dous líderes que nos caeron en tromba, coma a última auga de maio.

Xosé Antón Jardon Dacal