A pleuresía dos desmemoriados

A pleuresía dos desmemoriados

\“A túa ignorancia estendeuse coma un vento negro sobre nós e a punto estivo de deixarnos a todos parvos.\” (Xoguetes pra un tempo prohibido, Carlos Casares).

27«A pleuresía, señor! A única enfermidade que podería acompañar ao porco ata a mesa mortuoria é a pleuresía». Así de categórica foi a resposta que lle espetou ao meu cuñado aquel douto lusitano, mentres lle embocaba unha roda do chourizo encetado, que gardaba no peto da súa cotrosa chaqueta de pana. Estívonos ben!, por incorrermos na necia ousadía de preguntarlle ao tal das polainas polas condicións sanitarias dos produtos que se comerciaban na Feira do Fumeiro de Montealegre.

Aquela conversa, aparentemente rutineira, tróuxome ao caletre estampas e lembranzas, agochadas nos escondedoiros da miña fráxil memoria, que gardan estrita relación coa cerimonia da matanza e, por suposto, coas liturxias embulleiradas polo esplendor e polo ocaso do principal rito da nosa subsistencia.

Despois de desangrar, o manido mantel de estopa que separaba a vítima do pan e da augardente, servíalle de pergamiño á muller da casa para esvaecer as dúbidas dos presentes: «Nunca tiveron unha hora de mal». Chamuscados, limpos e abertos, o primeiro rubíao ao lombo un home ata o canizo, e o segundo ficaba pendurado cun temoeiro na trabe da corte, ata a hora da desfeita. Agochábase un, para despistar ao veterinario, disposto a inspeccionar calquera recuncho, para facerlle crer á xente de ben que a punta da lingua, as febras e, claro!, a recadación do día, constituían a causa e a razón da meticulosa análise microscópica, capaz de garantir un control sanitario que talvez nunca existiu.

Pretender aparvar ao tipo da capadoira, para tributar por un marrán, no canto de facelo polos dous que se mataban, non era nada doado, porque o tal sempre se facía acompañar por un lambecús que, colocado detrás dos da casa, facíalle acenos dixitais, deixando en evidencia aos donos da miseria. Malia esa aparente precaución das autoridades sanitarias, nunca se soubo de ninguén que padecera algún tipo de doenza por engulir unha tallada de lardo de cando en vez. Mais, se nunca pasou talvez puido ser mercé a aquel salvoconduto –a bula da Santa Cruzada– que se lle mercaba ao señor abade, para poder comer carne nos venres que cadraban fóra dunha inesgotable Coresma que duraba todo o ano.

E así o que comezaba sendo unha festa non tardaba en converterse nun auténtico calvario. A piques de vir a hora de gozar daquilo que a un lle pertencía, presentábase na porta un zarrapico, envolto nunha chambra negra e graxenta, cunha romana no ombreiro, acompañado por unha mula, disposto a arramplar coa parte magra da colleita. O paxaro espetáballe un garabato aguzado ao xamón arredor do óso, como quen acoitela un criminal e, despois de cheiralo, abría unha navalla, máis grande cós días de maio; separaba os pernís dos touciños e redondeábaos, desperdiciando aquelas inmensas lascas brancas, no medio daquela paisaxe tan indixente, na que o vendedor podía falar de todo agás do prezo.

Ah! O meu tío Lisardo padece unha truculenta lumbalxia encefálica que lle abafa o ser, por mor da testuda pleuresía, ou desa amnesia postiza que locen os nosos gobernantes e os seus eternos lambecricas, dispostos a queimar con bencina a memoria que nos pertence, e así poder contarnos a Historia como lles sae da realísima entreperna.

Xosé Antón Jardon Dacal