domingo 22/5/22

Um cheiro a qualquer coisa fresca entrou, com o ar de água, pela grande sala dentro. A chuva, já leve, caía humilde”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Querido sobriño:

Na véspera do vinte e catro de maio, mentres as doniñas seguían zugando na sangue dos descoidados, eu reflexionaba sosegadamente, a pesar de non ter dereito ao voto por pertencer a esa anódina categoría de cidadáns denominados residentes-ausentes.

Acendín a radio e acabei sintonizando unha emisora autóctona, xustiño cando daban conta do tempo para o un mañá que non tiña présa por chegar. Unha locutora que lle tremelicaba a voz, pretendía animarnos a durmir tranquilos, porque para o penúltimo domingo do mes, vinte e catro de maio, o tempo non mudaría ren de ren. Ou case nada. A señora da radio, tratándonos coma parvos de remate, declarou solemnemente que seguiriamos gozando –ou padecendo- temperaturas altas en toda España, con algún nubeiro sen importancia no noroeste do mapa. Para afianzar semellante tese, púxose a repetir sistematicamente a mesma trangallada, tantas veces coma comunidades ten o Estado, comezando por Galicia e rematando polas Canarias. Aburrido e cabreado con tanta picardía e ignorancia supina, premín o botón e apaguei o chintófano, mentres pensaba en alto, que carallo saberá esta tropa dos tempos que van vir e de quen será alcalde ou rabos de gaitas!

Para opinar do tempo con certo fundamento, ou das cousas que tanto nos atanguen, é mellor facelo dende estas terras lonxincuas, pois a distancia talvez nos permita interpretar a realidade que nos abafa, con máis esmero cá porfiona locutora da radio. Vivir lonxe da Terra sempre é máis doado para poder calcular acaidamente o colosal tamaño das ansiadas proezas que, de cando en vez, nos regalan as persoas normais, a pesar da teimosía das pegas que cacarexan para desfigurar a crúa realidade e negar a evidencia, ata que confundamos as quentura da cabeza cos síntomas de febre alta. Hai que goderse con eses paxaros do nabo!

O que ocorre é que, algunhas veces, as cousas non son como queren que acontezan os que sempre tiveron a tixola polo mango e, outras veces, nin sequera suceden como nolas contan. En fin, é evidente que, se o ceo estaba cuberto e as merlas andaban ás vorcalladas, a muller da radio tiña o seu dereito a aseverar que o tempo nos seguiría abrasando ata derreternos a alma. Mais nada lle impedía contarnos que podía vir a temperanza que faría agromar as espadanas incrustadas na secura que tantos anos leva rillándonos as entrañas.

Ah! Todos os que foron capaces de gozar coa doce auga de maio, deberían ir afinando as pituitarias para poder ulir o fresco aroma da lentura que despide a Terra recentemente mollada, porque xa hai quen pensa que alá contra o final do outono vai chover a esgalla.

Deica logo! Lisardo Quintas Teixeira. 

Xosé Antón Jardón Dacal          

Comentarios