Urbano e o seu dono Suso Casasola (Obituario)

Urbano e o seu dono Suso Casasola (Obituario)

Érase unha vez un can en busca do seu dono

casasola
Suso Casasola

Aínda que pareza o título dun conto para rapaces, esta vez a historia é real, vivida por moitos dos que o coñeceron, os que o apreciamos e consideramos amigo e os outros.

Isto sucedía fai moitos anos cando “Urbano” como así se chamaba o husky siberiano, que moitas das noites andaba por Xinzo, a procura do seu dono. Todos entendemos cando o propietario dun can que se perde, o seu dono saia as rúas a buscalo. Isto sucedía ao rebes. Urbano moitas tardes/noites saía en busca do seu dono, para acompañalo ata a casa.

De bar en bar ía mirando, ata que por fin o atopaba e quedaba tranquilo, sentado a porta do establecemento esperando o momento de acompañalo ata a casa dos dous.

Asi era URBANO, fiel amigo, como tamén amigo consideramos moitos a Suso Casasola que onte, por vontade propia, deixounos, para ir a atoparse con el. Digo por vontade propia, porque fai moitos anos xa que a súa rebeldía innata levouno a non facerlle caso aos galenos, que lle aconsellaban como tiña que coidarse. Rebeldía que o levou a pasar 35 días en Pereiro, por “cabezón”, contáballe el a María Fernández, nas páxinas deste xornal o 16.11.13.

Moitos vamos a estrañalo, sobre todo nestas datas en que o Entroido se meteu nas súas venas, dende que no ano 88 chegou a Xinzo de terras de León, e que ano tras ano non deixaba de sorprendernos con vestimentas sinxelas, moitas das veces dando réplicas a persoeiros do pobo e outras que todos recordaremos cando pensamos que Santiago Segura se achegara Xinzo a ver o noso Entroido.

Foise sen facer ruído, como era a súa costume, estando en silencio lendo o periódico do día pasadas as dez da noite, na esquina de calquera bar cunha copa de Magno en copa “balón”, esperando polos seus colegas de partida de tute dos venres a noite en Morgade, ou en Xinzo.

Fiel ao seu carácter deixou as últimas vontades que aparecen na súa esquela do xornal de La Región que din:

Los que me conocen sabrán de mi pasión por la buena música, la tranquilidad de Galicia, la diversión de los carnavales y los paseos en moto. Hoy me he montado en ella para hacer un largo viaje y me he disfrazado de ángel para que el barbas de la puerta no me cierre el paso. Lo convenceré para tomarnos unas cañas.

Suso Casasola D.E.P.