martes 25/1/22

“Em conjunto não eram maus rapazes; particularmente eram melhores e piores”. (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Mapa-de-VenezuelaLisardo Quintas Teixeira leva anos e anos residindo na Arxentina e, por hache ou por be, esa veciñanza continental, ou proximidade relativa con Venezuela, acabou por convertelo nun porfión dialéctico, case visceral, contra iso que lle deron en chamar chavismo. E, por suposto, nun asiduo discrepante do rostro pálido e impasible do réxime, don Nicolás Maduro. Mais, a antipatía fungona e militante contra o tal das polainas, talvez excesiva e case iracunda, non lle impide ao meu tío Lisardo divisar o bosque con nitidez, nin decatarse de que a manía reinante no Estado español contra a patria de Simón Bolívar, non só é produto de mentes reviradas, senón que amais é talmente aburrida.

Hai que facer auténticos malabarismos para atopar un xornal ou unha tertulia radiofónica que deixen pasar un día, sen distraernos con algunha trangallada venezolana, agrandada e afeada adrede na maioría das ocasións, até tal punto que o meu tío, ás veces, e posiblemente traizoado polo subconsciente, acaba pensando que ese país criollo está situado no mesma capital de España. Vaia! Un inimigo doméstico, ou de confianza, convertido na nosa propia sombra, do que non Podemos, nin queremos fuxir, porque xa é parte intrínseca da nosa inopia cotiá, ou da propia estulticia que nos invade.    

Nin o líder supremo de Corea do Norte, Kim Jong-un, nin moitos outros paxaros polo estilo, que voan libremente e que luxan a diario o ambiente, e mesmo gozan da amizade de ilustres señores que pousan as nádegas nas altas esferas, merecen a atención mediática e a repulsa social necesaria. Tamén, pola culpa da nosa discreta tolerancia.

Visto o visto, e xa metidos en fariña, sería desexable requirir ao trinomio PP-PSOE-C´s, para que nos expliquen se o nivel de paro infumable, a extenuada caixa das pensións, a desigualdade abismal, a corrupción excesiva, a débeda inmedible, os dereitos das nacións do Estado, etc., son pecata minuta ao lado do problemón que nos están envaiñando os chavistas do carafio. Ou para que nos ilustren se, na campaña das vindeiras eleccións, será Venezuela o punto “g” dos debates, da propaganda dos medios amansados e das tertulias dos egrexios fabricantes da opinión mastigada, para evitar que non se nos atragoen as ideas espurias e os problemas que nos arrelan cada instante.

Ah!. A Irmandiña non lle deu a tunda esperada á selección de acolá, nin desertou ningún xogador venezolano, para que Feijoo e Rajoy lle puidesen amañar a nacionalidade española ipso facto. Tampouco escapou do país ningún seareiro da galega. Todo ficou nun inocuo empate. En fin, seguiremos sendo felices escravos das modas, permitindo que os amos do conto convertan en normais os cadabullos da doce anormalidade.

Xosé Antón Jardón Dacal

Comentarios