Carta a unha descoñecida

CARTA A UNHA DESCOÑECIDA

Moi señora miña: O motivo da presente misiva é para manifestarlle o meu fondo desprezo, sendo moi moderado na expresión, aínda que non nos coñezamos en persoa; é máis non sei quen é vostede, só posúo uns datos moi febles, sei que é vostede muller, idade en facerse pasar por estudante universitaria, estatura normal, pelo normal, vestimenta normal, e nada máis, pouco teño é verdade.         Fai ano e pico estiven ingresado na Residencia sanitaria de Ourense, durante un mes, por mor dunha operación; a miña nai aínda podía saír algo á rúa, hoxe imposible, e ía polo pan enfronte á súa casa; cando volvía vostede tivo a amabilidade de abrirlle o portal, xa tiña vostede unha pata dentro, díxolle que acababa de alugar un piso no edificio, e preguntarlle se quería que a axudara a subir os cinco chanzos que levan do portal ao ascensor, e collerlle a bolsa do pan; a miña proxenitora díxolle que podía ela, pero vostede, insistiu pasándolle a man polo lombo e colléndoa pola súa, deixouna ao pe do ascensor, marchando lixeira e dicíndolle que xa se volverían ver, ían ser veciñas.