A auga en Galicia, e máis nas Rías Baixas ca nas Altas, aínda que puidera parecer o contrario, non é que estea fría, está conxelada, ás veces tes que ir con coidado apartando os lazos de xeo que en forma de pedras para os “Kubatas”, chegan á orela incluso, como se de icebergs se tratara; cheguei a escoitar a unha andaluza que se metera, sen axuda de algunha substancia psicotrópica, na auga de súpeto (pensando que estaba no seu mar), saír, e antes de que a tivera que secar toda a familia, por aquelo das fregas, exclamar: -“Pero aquí fue donde criogenizaron a Walt Disney...” (cómpre dicilo con acento andaluz e ao borde dunha parada cardíaca) Podemos engadir, para ledicia dos conservacionistas máis furibundos, a existencia duns bechos (aos cales a friaxe lles esvara polo que se ve), denominados fanecas, que teñen a ben, en moitos dos nosos areais, de saudar mandando un aguillón a xeito de tarxeta de visita, que como non leves as famosas “fanequeiras” nos pes, adminículo feo e ademais que amola na natación, pode chegar ata o xeonllo, o aguillón, polo menos esa é a sensación.