DÚAS CARAS DA MESMA MOEDA OU ESPECIAL VERÁN.

DÚAS CARAS DA MESMA MOEDA OU ESPECIAL VERÁN.

            A auga en Galicia, e máis nas Rías Baixas ca nas Altas, aínda que puidera parecer o contrario, non é que estea fría, está conxelada, ás veces tes que ir con coidado apartando os lazos de xeo que en forma de pedras para os “Kubatas”, chegan á orela incluso, como se de icebergs se tratara; cheguei a escoitar a unha andaluza que se metera, sen axuda de algunha substancia psicotrópica, na auga de súpeto (pensando que estaba no seu mar), saír, e antes de que a tivera que secar toda a familia, por aquelo das fregas, exclamar: -“Pero aquí fue donde criogenizaron a Walt Disney...” (cómpre dicilo con acento andaluz e ao borde dunha parada cardíaca)             Podemos engadir, para ledicia dos conservacionistas máis furibundos, a existencia duns bechos (aos cales a friaxe lles esvara polo que se ve), denominados fanecas, que teñen a ben, en moitos dos nosos areais, de saudar mandando un aguillón a xeito de tarxeta de visita, que como non leves as famosas “fanequeiras” nos pes, adminículo feo e ademais que amola na natación, pode chegar ata o xeonllo, o aguillón, polo menos esa é a sensación.

Nos meses de verán moitos dos que tiveron que emigrar volven pasar uns días á nosa Limia, sendo que os seus descendentes, mentres son cativos non poñen atranco algún a satisfacer o desexo dos seus proxenitores, pero unha vez acadan certa idade, comeza a división; uns están felices de poder estar na terra dos avós, e participan activamente en canta festa ou actividade se realice; outros sen embargo amosan a súa incomodidade, expresando que quererían estar na praia.            


2b48aa8f99e7188135fab7e8cfe38172

Pola nosa banda, os que aquí habitamos, cada vez en maior número, realizamos desprazamentos cara ás rías, para mergullar os corpos no proceloso océano Atlántico, ou ben no mar Cantábrico, xa que temos rías nun e noutro, e xa non digamos os que realizan viaxes a lugares máis afastados e exóticos.

            Hoxe toca falar da heroicidade dos que non saimos de Galicia e imos ás nosas praias, xa que penso que temos dereito a unha subvención, a cal, logo me explicarei, debería ir medrando segundo a idade, posto que somos tan patriotas que gastamos os cartos cos nosos paisanos, e postos a dicir a verdade, e non andar con termos de corrección política, comemos e bebemos como se nos fose a vida en tal asunto. Houbo ocasións en que pensei que se o mar fose viño, o das mareas, abalando e desa  balando, e mira que aquí as mareas suben e baixan non coma no Mediterráneo, non se moverían nin un chisco, tal é o grao de envase de uva fermentada que podemos chegar a ter, mentres comemos o que nos poñan diante, coma se tiveras a un lobo a dieta vegana durante un mes, e logo o deixaras papar os años que quixera.

            Persoalmente vou ao Barbanza, a Santa Uxía de Ribeira, pero vale calquera das nosas vilas mariñeiras, e postos a dicir a verdade, a paisaxe é fermosa; o marisco o mellor do Mundo; os peixes, que dicir? que logo volves e nas peixerías parece que estás nun cemiterio, que non choutan, e nin brillo teñen nos ollos; o mar fantástico, co seu iodo, que colles unha cor preciosa que non conseguirías noutras latitudes; as areas brancas e agarimosas. No meu caso, ademais ata a carne é boa, que a serra do Barbanza produce gando vacún de excelente calidade, así que non teño queixa; todo o que vostedes queiran, ata que toca o baño.

            A auga en Galicia, e máis nas Rías Baixas ca nas Altas, aínda que puidera parecer o contrario, non é que estea fría, está conxelada, ás veces tes que ir con coidado apartando os lazos de xeo que en forma de pedras para os “Kubatas”, chegan á orela incluso, como se de icebergs se tratara; cheguei a escoitar a unha andaluza que se metera, sen axuda de algunha substancia psicotrópica, na auga de súpeto (pensando que estaba no seu mar), saír, e antes de que a tivera que secar toda a familia, por aquelo das fregas, exclamar: -“Pero aquí fue donde criogenizaron a Walt Disney...” (cómpre dicilo con acento andaluz e ao borde dunha parada cardíaca)

            Podemos engadir, para ledicia dos conservacionistas máis furibundos, a existencia duns bechos (aos cales a friaxe lles esvara polo que se ve), denominados fanecas, que teñen a ben, en moitos dos nosos areais, de saudar mandando un aguillón a xeito de tarxeta de visita, que como non leves as famosas “fanequeiras” nos pes, adminículo feo e ademais que amola na natación, pode chegar ata o xeonllo, o aguillón, polo menos esa é a sensación.

            Algo máis? Pois si, que non che toquen mareas vivas, que aquí as nosas augas si que están vivas, que repito non é o Mediterráneo, e as algas poden cubrir as praias durante días enteiros, sen que os esforzos dos equipos de limpeza abonden, xa que as retiran polo día, pero o mar volve depositar máis “sargazo” pola noite.

            Por qué vas entón? Preguntáronme o outro día no Centro Social da Filgueira (Porqueira), e contestei con sinceridade, porque agardo que poñan unha subvención a todos os que levamos tantos anos indo á nosa costa, e bañándonos, cun par de bugallos, e cada ano que pasa e vas máis vello, máis frío colles, por iso dicía que se debía ir incrementando coa idade, a tal subvención, logo do que levamos feito.

            E porque non podo vivir sen eles, sen a xente, sen o salgado do mar, sen esa puta auga fría que me racha, sen comer e beber como se me fose a alma, porque son de interior e os ollos acougan co monte e con ver medrar a herba, pero de cando en vez necesito ir á outra cara da moeda, desta nosa Galicia, tan pequena e tan grande ao mesmo tempo, tan variada e rica, e onde me agardan amizades con fortes raíces, logo de máis de trinta anos indo alá, ao igual que eles tamén teñen que vir aquí; para estar completos.

XOSÉ LOIS BREA SANMARTÍN