O pobo de Fiestras e Laroá en pe de “guerra” democrática
As persoas maiores manifestaron onte a súa intención de non volver a votar
Cando pensabamos que coa protesta a prol do servizo pediátrico de Xinzo de Limia rematabamos outro ano nefasto para o rural, chega a nós outra inquietante nova: a eliminación das mesas electorais de Laroá e Parada de Ribeira. A polémica decisión parte do Concello de Xinzo de Limia excusándose na Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral que establece as 200 persoas como mínimo para conformar as mesas electorais.
As veciñas e veciños de Fiestras e Laroá xuntáronse este
sábado en resposta a esta mala nova para manifestar o rexeitamento absoluto a
esta decisión e organizar próximas accións. Resulta preocupante que a maioría
de persoas de maior idade expresaran rotundamente a súa intención de non ir
votar se non poden facelo no lugar de sempre. Cómpre sinalar que historicamente
na mesa de Laroá votaban as electoras e electores de San Pedro, Laroá, Fiestras
e Seoane de Oleiros, e nas últimas convocatorias desprazaron á xente de Seoane
á mesa de Faramontaos, prexudicándolle isto á de Laroá.
Consideramos unha aberración suprimir calquera mesa rural
porque supón unha perda do dereito básico de toda persoa a exercer o voto con
garantías, e, a maiores, dóenos especialmente que se suprima a mesa de Laroá
polo esforzo que se leva facendo tantos anos para dinamizar as dúas aldeas da
parroquia: festas comunitarias, limpeza dos camiños pola veciñanza e outros
traballos comunitarios, reparación dos locais sociais con medios propios, vermú
autoxestionado os domingos, actividades propias e tres asociacións activas.
O máis grave é a declaración de intencións do grupo de
goberno con esta decisión: nin sequera se dirixiu á veciñanza para informala e
tentar buscar solucións. A perda da mesa electoral de Laroá vai supoñer ademais
unha diminución do censo do propio Concello de Xinzo de Limia, xa que moitas
persoas seguen empadroadas na súa aldea de procedencia por un vencello
afectivo, que deste xeito se vai perder.
Comezamos con esta acción simbólica no propio local
electoral de Laroá para visibilizar o enfado colectivo que orixinou este
decisión e comezamos a planificación das futuras actuacións ás que convidamos
tamén ás veciñas e veciños de Parada de Ribeira, para sermos tidos en conta
polo alcalde e grupo de goberno do Concello de Xinzo de Limia, de quen
esperamos unha defensa firme dos dereitos e dignidade das persoas do medio
rural.