TRANDEIRAS: 500 ANOS E UNS DÍAS

Mosteiro de Trandeiras
TRANDEIRAS: 500 ANOS E UNS DÍAS

 Manuel Seoane Feijóo


 Presidente do Centro de Cultura Popular do Limia


Cumpríronse neste pasado mes de Nadal os cincocentos anos redondos desde que os primeiros franciscanos viñeran ocupar o convento do Bon Xesús de Trandeiras, só tres anos despois de terse comezado as obras de tan singular edificio. A efeméride tería sido unha excelente oportunidade para reivindicar a importancia da mellor representación da arquitectura histórica da Limia, e unha das máis dignas manifestacións dese momento artístico de transición entre o Gótico e o Renacemento que tan profusamente floreou en Portugal e tan escasos exemplos deixou en Galicia.

Unha vez máis semella que inxustamente nos avergoñásemos do noso monumento, e digo noso porque non esquezamos que agás a igrexa, son propiedade do concello de Xinzo tanto o resto de edificios como a finca que o rodea con importante valor natural pola recuperación arbórea dende unha sucesión ecolóxica ás veces mal xestionada e un maxistral aproveitamento da auga; se cadra amólanos que siga entre a ducia de inmobles que na provincia de Ourense forman parte da “Lista vermella de Hispania Nostra” a prestixiosa institución que ten por finalidade a defensa do patrimonio cultural e natural, e inclúe nesa relación aos que están en moi grave perigo.

Iniciouse no 1520 , non sen controversia, mercé ao labor de mecenas de Alonso de Piña prior de Xunqueira, pasada xa a época de esplendor dos grandes mosteiros galegos, e tres décadas despois o Licenciado Molina refírese en verso á súa modestia: “Un monasterio no grande ni altivo / cercado de aguas que es mar en invierno/es Buen Jesú edificio moderno / fue hecho en milagro por esso lo escrivo.

Incendiouse o día de Nadal de 1669, arruinouse unha parte en 1685, serviu para recluír ao bispo de Blois entre 1804 e 1808, os soldados franceses causaron moitos estragos e mataron a sete frades na invasión de 1809. O día de San Brais de 1813 incendiouse novamente, e no 1821 volveu ser unha especie de cárcere para relixiosos onde estivo o cóengo J.M.Bedoya que se refería a Trandeiras como “el más desierto, destruido e incómodo de toda la provincia, que parece buscado a propósito para mortificarme”.

Coa desamortización de Mendizábal en 1836 pasou a mans do estado e posteriormente foi propiedade privada deteriorándose progresivamente mesmo coa ameaza de desmontar e trasladar o claustro, ata que en 1990 foi adquirido polo concello de Xinzo.

Pasaron dende aquela máis de tres décadas sen que se lle atopase encadre axeitado e coa intención de frear o avance da ruína estanse realizando neste momento obras financiadas principalmente pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, nas que a escavación arqueolóxica aportou gratas sorpresas.

Contarédesme se ese historial de malandanzas non xustifica a linguaxe case carceraria do título do artigo.

Varias asociacións ligadas á cultura limiá: o Centro de Cultura Popular do Limia, o Padroado do Museo da Limia, o Grupo de Estudios Históricos Pedro González de Ulloa, a Sociedade Galega de Historia Natural-Sección Antela e o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela non querían deixar pasar a efeméride, organizando unha serie de actos nos que participarán entre outros o historiador Alexander de los Ríos que ven de traballar no informe para a declaración de Ben de Interese Cultural do conxunto, e o arqueólogo  responsable das recentes escavacións Celso Rodríguez Cao.