AO NOSO XEITO

AO NOSO XEITO

Mal, esaxeradamente mal, moito mellor (despois do devandito saúdo) -Teño un roxe roxe no peito, coma se tivera unha codia de pan reseso dentro, non lle din moita importancia, pensei, xa apañei catarreira, xa se sabe estes cambios de tempo, pero é que agora, aínda que a codia continúa a estar aí, comecei a preocuparme porque cando me deito, aínda que sexa no sofá para ver unha miga a televisión, é como se o corazón se puxera tolo, que parece como se quixera estourar, e noutras ocasións é como se quixera parar, e aínda estou moi novo para morrer, que xa chegará ben o tempo de estar no cemiterio.

 Nas terras anchas de Castela existe unha resolución nidia, en canto que a distancia máis curta entre dous puntos é a liña recta, xeometría euclidiana seica; nas nosas montañas, nos nosos vales, nas nosas aldeas e cidades, tal máxima, pode ou pode non ser, xa que temos, imos chamarlle así tamén, outra resolución que establece que Deus é bo, pero o Demo tampouco é tan malo

            Tal aserto é o compendio exacto dunha forma de ser, de falar e expresarse que ás veces chama a atención por aí fóra, o que non quere dicir que esteamos errados, persoalmente entendo que os trabucados son os de fóra.

            Chegas á aldea e precisas de contratar para que che pasen o tractor nunha finca, e non é cuestión de ir directamente a quen che pode prestar o servizo e ceibar, así sen anestesia nin nada, ás carreiras, de súpeto, e todo seguido, unha especie de “Bos días, canto mes vas cobrar por pasar o tractor na finca de embaixo da miña casa?”. Erro, inmenso erro, chegarás, falarás algo do tempo, preguntarás se terminou de sementar nas patacas, porque sabes que o tal tempo foi húmido e van con retraso, e que andas mal dos cadrís, que tortura de dor Virxe Santa!, que non me fan nada as menciñas que me dan para tal andazo, así que se podes, cando acabes coa sementeira, poderías pasar o tractor pola poula de embaixo da miña casa?, que só teño froiteiras, pero agora veu a calor e está a herba que me poño rubio de vergonza de ter a finca así, e aínda van vir os de Seprona e paparei unha multa, e xa me dirás ti canto che teño que pagar.

            As cousas fanse así, e non en liña recta, porque as curvas en moitas ocasións son o xeito de ser a distancia máis curta, en calquera caso, en calquera situación. Home non é cuestión de dar a chapa durante horas, que ben sabes que hai sitios onde hai cola, pero as formas son as formas. No Centro Social de A Filgueira (Porqueira) temos falado, a modo, en varias ocasións do asunto, pois a todos nos preocupan estas présas que non poden acaer nada ben nos nervios.

            No médico, ou médica, que agora case hai máis femias, non é tampouco  cuestión de entrar, ceibar o saúdo regulamentario, e logo expresar: -Dóeme no peito, máis se estou deitado, será unha arritmia?. Mal, esaxeradamente mal, moito mellor (despois do devandito saúdo) -Teño un roxe roxe no peito, coma se tivera unha codia de pan reseso dentro, non lle din moita importancia, pensei, xa apañei catarreira, xa se sabe estes cambios de tempo, pero é que agora, aínda que a codia continúa a estar aí, comecei a preocuparme porque cando me deito, aínda que sexa no sofá para ver unha miga a televisión, é como se o corazón se puxera tolo, que parece como se quixera estourar, e noutras ocasións é como se quixera parar, e aínda estou moi novo para morrer, que xa chegará ben o tempo de estar no cemiterio. Así, con xeito, sen ser pesado, pero humano, deches tódolos datos, o profesional pode realizar o seu traballo; un catarro mal curado que causou infección, unha arritmia, un estrés por mor destes tempos atolados que nos tocaron vivir, agora xa será el quen faga o seu traballo, non deixaches nada no tinteiro.

            Tremores arrepiantes me producen estes que van de anglófilos (no fondo complexo de inferioridade) con termos lelos para cousas que sempre existiron e que podemos expresar perfectamente no noso idioma,  ao noso xeito, non como se estiveras a fusilar a alguén, roubando os segundos ao minuteiro, apurando a vida que parece que a bebes, que a esgurrichas.

            Repito que non podes chegar a un avogado e para explicarlle un contrato de aluguer comezar falando da túa avoa que che deixou o herdo que convertiches en cartos para mercar o piso, e que agora tes problemas co inquilino, sentidiño, pero que a nosa forma de ser, sen dúbida a mellor, amosa sen fenda algunha que en moitas ocasións, a liña recta non é a distancia máis curta entre dous puntos, por moito que diga a xeometría euclidiana.

José Luis Brea Sanmartín