16 hectáreas de historia en Vilar de Barrio
O recinto arqueolóxico permitiu identificar unha fortificación que data da Idade do Bronce e un dos primeiros asentamentos romanos temporais.
Martiño X. Vázquez, arqueólogo da empresa Solventa (Grupo Cooperativo Xeitura) explica que, para moverse por a zona ten que recurrir a un 4x4, dadas as extraordinarias dimensións dun xacemento que sorprende e pon ao límite cada día ao equipo que está a traballar nel.
O descomunal recinto fortificado do Castelo (Vilar de Barrio, Ourense) que, con dezaseis hectáreas de extensión, constitúe un dos complexos arqueolóxicos de maior dimensión da provincia. En toda esa superficie, os arqueólogos atoparon un auténtico crebacabezas de épocas e usos. As sucesivas campañas levadas a cabo no sitio e os resultados das últimas datacións, chegados a semana pasada, permiten aclarar xa un esquema xeral do que foi sucedendo neste xacemento localizado no borde da antiga lagoa de Antela.
Este grupo de outeiros está cinguido por unha gran muralla. Tras ese recinto interior, na zona superior atópase un castro, que conta co seu propio sistema defensivo. E, nalgún punto deste recinto, un castelo medieval aínda non identificado.
Os resultados sinalan que a enorme muralla exterior, de case dous quilómetros de tamaño, foi construída entre os séculos XIII-IX a.C., en plena Idade do Bronce, converténdose na primeira fortificación desta escala documentada en Galicia, con dimensións para ese período ata agora só coñecidas, na Península Ibérica, en áreas mediterráneas.Na zona superior do recinto documéntase un castro de murallas monumentais. Pero sobre el aparece outro fenómeno pouco frecuente: as testemuñas dunha intensa e curta ocupación romana, posiblemente militar, vinculada aos primeiros momentos do dominio romano sobre a Limia, no século I d.C. Por se fora pouco, poden existir evidencias de minería e aínda ten que aparecer un castelo medieval que figura, con moita claridade, na documentación da época.
Unha enorme fortificación
"O proxecto comezou en 2018 cando os investigadores Rebeca Blanco-Rotea e João Fonte estaban á procura de recintos altomedievais empregando unha estratexia de teledetección, e localizaron unhas grandes murallas.
O equipo de Solventa estaba traballando xa na posta en valor doutro xacemento de Vilar de Barrio, pero cando tiveron coñecemento do informe polo concello, puxeron en marcha un plan de traballo. As intervencións vanse sucedendo desde entón, cun equipo hoxe en campo coordinado polo arqueólogo Manuel García Cabo.
En 2021 practicouse a primeira, repartíndose as sondaxes con distancias mesmo dun quilómetro entre elas. O obxectivo era calibrar a que se enfrontaban nun recinto tan grande. Era todo do mesmo período ou había diferentes situacións, épocas, tipos de estruturas? Os resultados foron positivos. "A partir de aí as expectativas medraron moito porque confirmabamos un xacemento arqueolóxico enorme, de 16 hectáreas", explica Martiño Vázquez. Isto situaba ao Castelo como o recinto arqueolóxico de maior envergadura da comarca e un dos maiores da provincia de Ourense.
As campañas arqueolóxicas están a ser asumidas economicamente desde entón polo concello de Vilar de Barrio, combinando financiamento propio e as liñas de subvencións da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta e de AGADER. O obxectivo é poñer en valor o xacemento para a súa rendibilidade turística, escavando e restaurando as diferentes áreas que se investigan. Un estudo documental permitiu obter tamén datos sobre as fases históricas de toda esa área.
Unha enorme cantidade de ánforas
En 2022 os arqueólogos continuaron os traballos nalgunhas das zonas abertas na campaña anterior. Nunha sondaxe practicada no castro que está na zona superior aparecera unha cabana recoñecible como propia da cultura castrexa e unha conta de colar oculada "como das púnicas, pero máis tardías". Tamén aparecía algún material do cambio de era. Un ano despois determinadas evidencias comezaron a dispararse na escavación. "Apenas en vinte metros cadrados apareceu unha enorme cantidade material cerámico todo similar. Todo eran ánforas da Bética, do sur peninsular", explica Vázquez. Tal cantidade de material de importación Martiño X. Vázquez non a tiña visto -nin lido- nos castros ourensáns, especialmente para unha cronoloxía tan temperán como o cambio de era. Estaba claro que alí pasaba algo raro, que confirmou a sorpresa dos propios especialistas en cerámica do equipo, os arqueólogos da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e Alba Antía. Eles liderarán toda a investigación sobre estas inxentes cantidades de ánforas que no seu día transportaron aceite, viño ou outros produtos.
Flecha trilobulada romana. Foto: Solventa
Un establecemento temporal romano para a primeira organización do territorio
Pero todos aqueles anacos de ánforas localizados no castro ían máis alá, como confirmaron ao estender tamén as sondaxes nas zonas inferiores do recinto arqueolóxico, por debaixo do castro pero dentro de aquela gran muralla perimetral. Todas coincidían no período coas que se atopaban no alto do castro, o cambio de era. Pero aquí abaixo non había estruturas domésticas asociadas. Centos de ánforas procedentes da Bética, actual Andalucía, estradas ao longo de hectáreas de recinto. E isto é moi pouco frecuente: o habitual é que os materiais de importación pasen a formar parte dun rexistro arqueolóxico da vida cotiá, na que hai fogares domésticos, cerámica indíxena, muíños de man, outros obxectos. Mesmo tamén cerámica sigillata, unha cerámica romana de luxo e usos máis decorativos que as propias ánforas. E aínda que se atopaban algúns fragmentos de cerámica indíxena, o gran peso dos achados eran esas ánforas. Intrigantemente, outros obxectos que comezaron a aparecer foron chatolas de caligae, as sandalias habituais no exército romano e algunhas armas, como unha flecha trilobulada, tamén asociadas aos militares romanos.
Nestes momentos os arqueólogos traballan coa hipótese de que estamos ante un lugar que narra un episodio crítico da historia galega: os primeiros momentos da ocupación do territorio por Roma. "Isto sucede nalgún momento entre cando Décimo Xuño Bruto pasa o río Lethes, no século II a.C. e o forte Aquis Querquernnis, que se funda en Bande no século I d.C. Nese intermedio este xacemento estoupa e despois desaparece", explica Martiño Vázquez. É como se aquí se establecera o exército nun primeiro paso, formando a primeira Civitas Limicorum, a capital desta zona da Limia. Logo se establecería na actual Xinzo de Limia, onde se conservan numerosos restos romanos.
Para o arqueólogo, o feito de que despois se instalara nestes outeiros o castelo medieval de San Xoán de Bara suliña o valor estratéxico deste espazo ata o que case chegaban, no seu tempo, as augas da lagoa de Antela.
O achado engade novos matices á presenza militar romana que se está documentando nos últimos anos en Galicia, coa presenza de campamentos temporais romanos vinculados á conquista e control do territorio, pero nos que non aparece esa materialidade anfórica, senón achados máis propios dun exército en marcha. Parece indicar unha segunda etapa neste proceso, cando o poder romano comeza a tomar control do territorio pero todo está aínda por definir.
O enigma das murallas
Un dos elementos máis singulares de todo o recinto arqueolóxico é esa enorme muralla de dous quilómetros que cingue todo o conxunto de outeiros. A hipótese inicial puña sobre a mesa a posibilidade de que fora construída en época tardoantiga, polas súas semellanzas con fortificacións similares noutras partes de Galicia. Porén, os investigadores estaban intrigados porque o que se atopaban no recinto non parecía encadrarse cun mundo galaicorromano tardío. Por unha banda, estaba todo o conxunto de ánforas do cambio de era, que apuntaban a un enorme continxente militar romano. Por outra, desde o primeiro momento chamaba a atención que o recinto inferior tiña moitas laxes cuns curiosos furados labrados na pedra, e que parecían formar coma o negativo de estruturas feitas con materiais perecedoiros que desapareceran. De feito, había tal número de pedras con gravuras perforadas que os veciños hai anos lle chamaban o "monte dos buracos". Na memoria local fica que moitos deses furados foron tapados xa que o monte era de pastoreo e os animais podían introducir accidentalmente as patas neles.
As intervencións no interior do recinto protexido por esta estrutura revelaron que ademais desas curiosas gravuras nas pedras, se documentaban restos doutras. O cal parece apuntar a que ese recinto exterior tan grande tivo algunhas vivendas nalgún momento.
A gran fortificación da Idade do Bronce
"Esta primeira fortificación foi construída entre os séculos XIII e IX a.C. É dicir, estamos nos castros antes dos castros", explica non sen unha certa emoción. "É a primeira fortificación desta escala e antigüidade localizada en Galicia", explica Rebeca Blanco Rotea, que consideraba o Bronce como a outra posibilidade posible.
Aínda que nalgúns castros do noroeste peninsular se documenta a construción dos seus recintos de finais da Idade do Bronce, ao redor dos séculos IX-VIII a.C., ata o momento nada tiña esta antigüidade nin estas dimensións. Unha fortificación de 16 hectáreas construída hai máis de tres mil anos. A envergadura do recinto lembra as fortificacións prehistóricas de épocas próximas no sur e levante peninsulares. Porque este é outro dos aspectos fascinantes de O Castelo. Algúns deses buracos nas laxes do monte forman estruturas ovais que lembran ao tipo de cabanas coñecidas como long houses, unhas grandes cabanas lonxitudinais que se atopan por toda Galicia nos poboados da Idade do Bronce.
Recapitulemos: ata agora no Castelo de Vilar de Barrio localizouse un enorme recinto fortificado da Idade do Bronce, posiblemente reutilizado de forma temporal un milenio despois, no cambio de era, por un continxente romano vinculado ao establecemento do novo poder na Gallaecia, un prominente castro da Idade do Ferro no alto e un castelo medieval aínda por descubrir. Pero hai unha estrutura que trae de cabeza os investigadores: o Buraco dos Mouros.
Un túnel por escavar
O túnel tiña ao seu redor estruturas, pero ao intervir nelas, decatáronse de que non pertencían ao castelo nin á Idade Media. O espazo tamén ofreceu pezas singulares, coma un lintel cunha sorte de labirinto gravado. Ao carón destas estruturas está o túnel.
A hipótese de que a cavidade poida ter unha cronoloxía romana e un sentido mineiro está moi presente, aínda que tamén sería o primeiro xacemento de Galicia no que hai unha mina localizada no propio interior do recinto. "Estamos programando a escavación no túnel, que require unhas necesidades loxísticas importantes e moito coidado desde o punto de vista da seguridade laboral", explica Martiño X. Vázquez.
Na procura de máis especialistas
"Por iso estamos a traballar un equipo interdisciplinar", explica Martiño X. Vázquez, "ademais de Solventa contamos con Rebeca Blanco Rotea, especialista en fortificacións, e João Fonte coas ferramentas de teledetección e coordinando a relación coa empresa portuguesa ERA Arqueologia, que fixo un levantamento LIDAR centimétrico de todo o xacemento. Víctor Rodríguez Muñiz achegounos a análise documental para coñecer ben o castelo medieval, o profesor da UDC Jorge Sanjurjo coas analíticas de solo financiadas pola Fundación PALARQ, os investigadores da Universidade de Vigo Adolfo Fernández e Alba Antía para a cerámica romana e Marta Cerviño na Restauración". Vázquez fica calado un momento, pensando para si mesmo. "E agora teremos que buscar tamén especialistas na Idade do Bronce tamén, claro".
Pode ser este complexo sitio arqueolóxico a orixe da famosa lenda da cidade de Antioquía? O relato, ben presente na Limia, falaba de como na lagoa de Antela había unha antiga cidade mergullada baixo as augas e desaparecida dun día para outro por unha maldición. Martiño X. Vázquez rise. "Vouche dicir unha cousa. Elixio Rivas, o gran erudito local da Limia, xa se fixou no seu momento nos furados de poste labrados na pedra que inzan todo o recinto inferior. Para el, seguindo un pouco as ideas da súa época, estes postes eran a base dos palafitos cos que se construíra no pasado algunha poboación prehistórica que habitara na lagoa de Antela. Isto historicamente non é así", aclara o arqueólogo "pero indica que Rivas xa intuíra o importante que era este lugar".
Non é calquera lugar
A existencia dunha gran fortificación da Idade do Bronce neste lugar fai pensar se nas motivacións dos romanos para establecerse temporalmente neste lugar había máis intereses que os militares ou os estratéxicos. Difícil de saber polo momento.
Ilustración: Miguel Robledo. Asesoramento científico: Solventa. Concello de Vilar de Barrio.
O Castelo seguerá a dar sorpresas e, sobre todo, numerosas preguntas. Un roteiro ilustrado por Miguel Robledo e con explicacións interpretativas permite xa coñecer os principais puntos descubertos pola investigación nos últimos anos.