O Nadal que ninguén ve

O Nadal que ninguén ve

Por tanto, son dos que pensa que o único que queda e aprender dos nosos erros para non volver cometelos.

Calaceiro, vaise indo este ano 2024. Comeza a hora dos balances, o bo e o malo; a ledicia e a tristura; a sorte ou a desgracia. Branco ou negro, unha cousa e a contraria. Eu non son dado a facer balance do ano. Ao que xa pasou non se lle pode dar volta atrás. E o que estea por vir, tampouco podemos adiviñalo. Por tanto, son dos que pensa que o único que queda e aprender dos nosos erros para non volver cometelos.

IMG 20241209 124733

Repasando os artigos deste ano, a través dos que, en certo xeito, conversei con todas as persoas que teñen a ben dedicarme cinco minutos para os ler, o computador fíxome unha brincadeira e levoume ao primeiro que escribín. A conta diso, acabo de decatarme que fai dez anos que levo escribindo neste xornal. Contando historias, mellores ou peores, iso terán que xulgalo vostedes. Anécdotas, noticias do pasado, experiencias vividas, contos varios. No fondo milleiros de palabras coas que entreter, coas que tentar que polo menos durante o tempo que dura a lectura, vostedes esquezan as preocupacións e desfruten dun intre de lecer. Se iso é así, velaí a miña pequeniña e modesta contribución a que, polo menos durante ese intre, o mundo sexa ou lles pareza un pouco mellor. Ese mundo cheo de luces en moitas cidades do mundo. Luces que tamén en certo xeito traen un chisco de felicidade. Eu vivina o venres pasado, cando vin o remedo luminoso da fonte que na miña nenez ocupaba coa súa pía un recanto da praza maior da miña vila.

Talvez o mellor do nadal sexa volvérmonos xuntar coas persoas que queremos, esas que temos ao noso carón ou esoutras que están lonxe de nós. Volvérmonos xuntar coas lembranzas de anos atrás, nesa nenez na que dun xeito ou doutro fomos felices. Acordar dos que se foron como se aínda estivesen canda nós, porque nos eidos da lembranza, o que é e o que foi mestúranse na brétema da memoria coma as cores esvaídas do tecido do tempo. Pensar que non lonxe de nós hai xente, non me gusta esta palabra, corrixo, hai persoas, rapaces e adultos, homes e mulleres, que sofren, que choran, que senten cousas que callan na alma, que mancan. Persoas ateigadas de soidade, esa que o destino lle trabou na alma e no corpo. Persoas ateigadas de medo, rodeadas de morte. No Levante das vilas inundadas, na Ucraína, na Palestina, na Siria, en todos eses recantos do mundo onde alguén que só pensa en si mesmo non é quen de pensar en todas esas persoas mancadas pola súa culpa. Rapazada que este ano non poderá soñar un soño a carón do brillo escintilante dunha bóla de nadal. Anciáns que non se teñen máis que a si mesmos. Homes e mulleres cos seus fogares derrubados. Non sei como podemos cambiar o mundo. Talvez se  todos pensásemos un chisco nos demais, chegará un día en que ninguén pense só en si mesmo. Daquela, quizais o mundo sería un pouco mellor e sería máis doado dicir bo Nadal.

Rafael Laso Lorenzo