Troula
A rexouba, a troula, as ganas de pasalo ben e divertirse sen facerlle mal a ninguén, invaden as rúas da vila, que a máis da xente da casa, andan eses días ateigadas de xente de fóra que veñen ver ou participar do noso entroido.
Un ano máis os limiaos volvemos desfrutar do noso entroido. A rexouba, a troula, as ganas de pasalo ben e divertirse sen facerlle mal a ninguén, invaden as rúas da vila, que a máis da xente da casa, andan eses días ateigadas de xente de fóra que veñen ver ou participar do noso entroido. Cantidade de persoas que chegan á vila como mellor lles acae. Pouco antes do fareleiro, nun coñecido restaurante dunha das parroquias das aforas de Vigo, pareime a ler un cartel no que se anunciaba unha excursión ó domingo de oleiro da miña vila. Ofrecían a posibilidade de se apuntar co xantar organizado ou ben sen el e que cadaquén xantase onde mellor quixese. Como anécdota, cómpre salientar que no mesmo cartel xa se indicaba (cunha anotación escrita a man) que o segundo autobús estaba a piques de completarse. A min estas cousas parécenme ben, que a nosa festa máis coñecida sexa un centro de chamada para visitantes. Teño a certeza de que a todos aqueles que vestimos o traxe de pantalla, cada vez nos resulta máis difícil botar unhas carreiras con tanta xente pola rúa. Levámolo con coidado, sabedores do efecto chamada que ten unha festa da que moitos queren desfrutar e máis aínda se, coma este ano, o tempo bota unha man e a chuvia fuxe na procura de lugares máis tranquilos onde non a moleste tanta troula.
É o entroido unha celebración onde tamén se poden apreciar as preocupacións da xente. No fondo, as persoas botamos fóra moitas desas cousas que levamos dentro. Unha grande parte dos disfraces acadan un grao de veracidade moi alto. Cada ano, a maioría dos asistentes supéranse a si mesmos co novo traxe. Moitos dos outros “eu” que cadaquén nos fabricamos ano tras ano, deixan á vista unha pegada social, un aquel de crítica as situacións da vida real, esa que, como dicía John Lennon, pasa namentres estamos ocupados facendo outros plans. Digo isto, porque estes días de entroido vin a moitos Donald Trump paseando pola vila, mesmo un cunha estatua da Liberdade levando unha maleta que dicía marcho que teño que marchar. Creo que iso reflicte ben o sentir do que está a acontecer nos Estados Unidos. Hai tempo escribín aquí un artigo sobre o actual presidente americano no seu anterior mandato. E sigo pensando igual, non me gusta este home. Lin en algures que calquera presidente dos EE.UU. no primeiro mandato fai o que pode e no segundo o que lle dá a gana. Espero que nisto último non chegue aos extremos do seu novo mellor amigo Putin. Xuntos os dous, ese dúo Trumputin, pode poñernos dos nervios. Para calmalos, talvez teñamos que coller un “trompetín” e saír de troula polas rúas.
Rafael Laso Lorenzo