A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático informou dos cambios tras ser excluída a especie do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial
A Xunta modifica a normativa que regula a actividade cinexética anual en Galicia e retoma o Plan de Xestión do Lobo
Ángeles Vázquez aclara que a caza do lobo en Galicia vai seguir estando prohibida con carácter xeral, pero poderán autorizarse esperas, batidas ou monterías en casos moi concretos de danos recorrentes á gandaría que poñan en risco as explotacións coa debida xustificación e un control rigoroso por parte da Administración.
A Xunta modificou a normativa que regula a actividade cinexética anual en Galicia e volve a aplicar o Plan de xestión do lobo que estivo vixente ata setembro de 2021 unha vez que entrou en vigor a lei estatal pola que as poboacións ao norte do río Douro saen do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Así o anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, en rolda de prensa, onde indicou que a resolución cos correspondentes cambios saíu publicada hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia.
A responsable autonómica remarcou que en Galicia a caza do lobo vai seguir estando prohibida, con carácter xeral, pero os cambios introducidos na resolución pola que se determinan as épocas hábiles para practicar a actividade cinexética na tempada 2024-2025 supoñen incluílo na relación de especies sobre as que se poden adoptar medidas de control fronte aos danos recorrentes sobre a gandaría coa debida xustificación.
Deste xeito, pasan a ser autorizables accións como as esperas, batidas ou monterías durante todo o ano salvo en abril, maio e xuño -nos que só estarán permitidas as esperas- sempre que se xustifiquen convenientemente eses danos recorrentes ás explotacións gandeiras que poñan en risco a súa viabilidade. Non obstante, esas medidas levarán aparellado ademais un rigoroso seguimento e control por parte da Administración galega co fin de garantir a preservación das poboacións do lobo.
Neste sentido, remarcou a conselleira, vaise facer un seguimento exhaustivo dos expedientes á hora de comprobar que efectivamente se producen danos recorrentes no gando dunha determinada zona. Para iso realizarase unha análise espacial e temporal dos prexuízos sufridos -ten que ser nun espazo curto de tempo e nunha área moi reducida- ao tempo que se comprobará tanto se nas explotacións gandeiras afectadas existen medidas preventivas para evitar os ataques como a súa eficacia.
Esta modificación normativa, salientou Ángeles Vázquez, supón volver á situación previa a setembro de 2021 -data na que o Goberno central decidiu de forma unilateral e arbitraria, sen aval científico, incluír as poboacións ao norte do río Douro no Lesrpe, impedindo a adopción de medidas de control- cunha xestión que busca garantir a viabilidade do lobo no territorio -mantendo unha poboación estable- e a compatibilidade co desenvolvemento da gandaría extensiva e coa viabilidade económica das explotacións agrícolas, que sufriron importantes danos e situacións límite nos últimos anos como consecuencia da imposibilidade de adoptar medidas de control.
Neste sentido, a conselleira lamentou que o Goberno central desoíse durante máis de tres anos as peticións das comunidades lobeiras españolas para que se retirase do Lesrpe o lobo ao norte do río Douro e que tivese que ser o Congreso dos Deputados quen corrixise o seu erro. Un escenario ilóxico que se mantivo ademais malia que a Comisión Europea e o Convenio de Berna se mostraron favorables a rebaixar a protección da especie ao entender que se atopa nun bo estado de conservación.
Problemas cos fondos
Nese tempo ademais o Executivo central puxo trabas á aplicación de medidas como as axudas para previr e compensar os danos causados polo lobo, pois chegou a deber a Galicia as transferencias de tres anos (12 millóns de euros). Finalmente en 2024 transferiu os dese ano (4 millóns de euros) e o resto están pendentes pois en 2022 o reparto foi inxusto con Galicia -foi a única comunidade que non apoiou a estratexia nacional para a xestión e conservación da especie-, polo que a Xunta interpuxo un recurso contencioso- administrativo que aínda non se resolveu, e no ano 2023 non se chegou a facer esa distribución dos fondos entre as comunidades autónomas por problemas internos do Goberno central.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, subliñou ademais que a situación que se dá agora co lobo é a máis lóxica e a que nunca se debeu abandonar pois o estado de conservación das súas poboacións é favorable ao norte do río Douro. Neste sentido, lembrou que os últimos datos dispoñibles en Galicia mostran que na comunidade o número de mandas aumentou un 37% nos últimos vinte anos -de 68 a 93- e que a especie está presente de forma xeneralizada en todo o territorio ao cubrir máis do 91% da superficie sen contar as grandes cidades e o Baixo Miño.
Ángeles Vázquez destacou que ese bo estado e a imposibilidade de adoptar medidas de control sobre a especie foron as que contribuíron a que só desde a inclusión do lobo no Lesrpe, en 2021, os avisos por danos en Galicia aumentasen un 77% e o número de reses afectadas se incrementase un 57%. Isto supón unha media de 10 animais atacados ao día, o que dificulta a rendibilidade económica de moitas explotacións.
Esta situación provocou ademais que a Xunta tivese que facer un maior esforzo orzamentario tanto en axudas para paliar os danos causados polo lobo como na adopción de medidas de prevención como a contratación de pastores, o uso de cans pastores, a instalación de valados ou pastores eléctricos. Só desde 2016 o Executivo galego concedeu máis de 8 millóns de euros entre achegas para indemnizar aos gandeiros polos danos e para poñer en marcha accións coas que minimizar o impacto da especie na cabana gandeira.