Días do libro, bibliotecas e librarías.
Os libros son eses amigos que sempre están a agardar por nós, que nunca están ocupados.
Tódolos anos, no día número vinte e tres do mes de abril, o das augas mil, cumpro cun ritual establecido hai tanto tempo que xa perdín a conta del. Despois da xeira de traballo e de volta na casa, collo sen pensar un dos dous volumes do meu Don Quijote de la Mancha (unha edición que leva xa corenta anos canda min) e abríndoo ó chou, leo o capítulo enteiro que cadra ó abrir. Este ano, o azar quixo que fose o capítulo onde se conta a estraña e xamais imaxinada aventura da dona Dolorida, alcume da condesa Trifaldi, xunto cunha carta que Sancho Panza escribiu á súa dona Teresa. Recoñezo que moito desfruto con esta lectura aleatoria, algo que levo facendo moitos anos, incluso antes de me dedicar á escrita e ver as miñas novelas publicadas. Un pequeno detalle, que non deixa de ser a miña humilde contribución a este día do libro que está a piques de rematar no intre en que eu escribo este artigo. Dicía Cervantes que o que le moito e anda moito, ve moito e sabe moito. A lectura é un piar fundamental do noso desenvolvemento como persoas. Permítenos viaxar a lugares insospeitados, vivir aventuras imposibles e, se mo permiten, soñar espertos. Ler apréndenos a pensar, e pensar fainos ter unha personalidade propia e definida. Os libros son eses amigos que sempre están a agardar por nós, que nunca están ocupados.
O vinte e tres de abril é o día do libro. Un día nun ano. Porén, voulles contar un segredo. Hai moitos anos descubrín uns lugares onde todos os días son días do libro. E eses lugares son as bibliotecas e as librarías. De ambas as dúas, hai moitas que son verdadeiras marabillas. Véñenme á memoria a Biblioteca Joanina da Universidade de Coimbra e a libraría Lello en Porto. Con todo, na miña memoria hai un recuncho especial para a Libraría Blanca e a Libraría Galaica, nas que mercabamos os libros da escola cando eu era neno e para a biblioteca da miña vila, na que pasei o verán de hai corenta anos preparando o exame dunha materia da carreira. Neses lugares todos os días son día do libro, sempre con algo especial que nos ofrecer.
A finais do ano pasado, nunha viaxe, atopei unha biblioteca humilde, de vila pequena, mais enorme no ambiente que alí se respiraba. Un vello e pequeno edificio marabillosamente restaurado, que no seu día foi caseta de estación, acolle hoxe a biblioteca municipal de Toral de los Vados, na bisbarra do Bierzo. Conta con algo digno de mencionar: un vagón de lectura. Si, non digo mal, pois alguén con imaxinación tivo a estupenda idea de restaurar un vagón de tren que, situado nunha vía en desuso a carón da biblioteca é coma unha extensión desta. Calquera pode achegarse, entrar na man e sentar nos asentos do antigo tren en calquera dos seus compartimentos, con andeis cheos de libros que convidan a mergullarse na lectura. A bibliotecaria explicoume a historia e díxome que moitas persoas se achegaban cun café na man, para desfrutar dun intre de lectura namentres saboreaban o café. Coma ela, todas esas persoas que traballan en bibliotecas ou librarías, fan moito porque todos os días sexan o día do libro. Con todas elas está hoxe o meu pensamento neste día vinte e tres de abril.