A Ourense Strade Termal homenaxea a un ciclista que faleceu na explosión dunha mina en Asturias o pasado 31 de marzo
Os asistentes gardaron un minuto de silencio por Rubén José Souto, inscrito á proba, e os compañeiros do homenaxeado recibiron o dorsal e un maillot
A marcha ciclista Ourense Strade Termal, que se celebrou este domingo co apoio da Deputación de Ourense, a través do Inorde e da Axencia de Turismo de Galicia, gardou un minuto de silencio por un dos participantes inscritos na proba, Rubén José Souto Robla, que foi un dos cinco traballadores falecidos o pasado 31 de marzo pola explosión dunha mina en Asturias.
Os organizadores da proba entregaron o dorsal de Rubén José Souto aos seus compañeiros ciclistas, durante a saída da marcha ciclista dende o balneario de Lobios, para poder achegarllo á familia do falecido. Ademais, enmarcouse un maillot en sinal de homenaxe.
Á cerimonia de saída e corte de cinta acudiron a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez; o presidente do Inorde, Rosendo Fernández ; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; o xefe do Servizo de Turismo da Xunta de Galicia en Ourense, Cecilio Santalices; o tenente coronel da Garda Civil, Rafael Berguillo; o xerente de Caldaria, Javier Soto; a xerente do Inorde, Emma González, xerente de Inorde e Serafín Martínez, director técnico da proba.