Xinzo recupera o Día Infantil da Bicicleta cunha xornada escolar polo Día Mundial da Bici
A actividade terá un percorrido ciclista polo centro da vila, no que participarán os escolares de ambos centros-
Haberá cortes de tráfico puntuais polo centro da vila (San Sebastián, Avenida de Madrid, Avenida de Ourense, Curros Enríquez e Marcelo Macías).
Mañá, martes 3 de xuño, o Concello de Xinzo de Limia celebrará o Día Mundial da Bicicleta recuperando unha das xornadas escolares máis queridas polos nenos e nenas da vila: o Día Infantil da Bicicleta. Trátase dunha actividade que non se celebraba desde hai anos e que regresa con forza da man da Concellería de Obras e Mobilidade.
A proposta conta coa colaboración dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro de Xinzo de Limia e busca concienciar sobre a importancia do uso responsable da bicicleta, promovendo a mobilidade sostible, o respecto polo medio ambiente e os beneficios dunha vida activa desde a infancia.
A actividade terá un percorrido ciclista polo centro da vila, no que participarán os escolares de ambos centros tras o seu encontro no Parque da Telleira ás 10:30 horas. Ademais, na praza Carlos Casares instalarase un circuito de seguridade viaria, deseñado pola Policía Local, no que o alumnado poderá practicar a circulación en bicicleta con sinais, semáforos, cruces e paradas simuladas. Haberá cortes de tráfico puntuais polo centro da vila (San Sebastián, Avenida de Madrid, Avenida de Ourense, Curros Enríquez e Marcelo Macías).
Desde o Concello queremos poñer en valor que Xinzo é unha vila chaira, segura e perfecta para desprazarse en bicicleta, tanto para pequenos como maiores. Esta xornada servirá tamén como homenaxe a unha tradición que moitas familias da vila lembran con especial cariño.
A mobilidade sostible e o benestar da veciñanza seguen a ser prioridades para o goberno local, que continuará impulsando iniciativas neste camiño. A actividade desenvolvese coa colaboración da Policía Local e Protección Civil de Xinzo de Limia.