​NON QUEREMOS QUEDAR, UNHA VEZ MÁIS, TIRAD@S NA ESTACIÓN!

​NON QUEREMOS QUEDAR, UNHA VEZ MÁIS, TIRAD@S NA ESTACIÓN!

Cada dereito perdido é unha fenda máis na estrutura dos servizos públicos: hoxe é o tren, mañá a sanidade, a educación ou a xustiza.

Desde Interior Galego Vivo queremos expresar o noso total apoio á Plataforma Dereito ó Tren e a todas as mobilizacións que se leven a cabo para recuperar as frecuencias ferroviarias suprimidas entre a estación A Gudiña–Porta de Galicia e Madrid.

A eliminación de trens en horarios clave no sueste da provincia de Ourense é unha nova mostra da falta de compromiso real dos gobernos co medio rural. A aposta polo desenvolvemento territorial segue a favorecer un modelo centralizador que ignora as necesidades da poboación que vive fóra das grandes cidades.

A xustificación desta medida, alegando que se prexudica a poucos para beneficiar a moitos, non se sostén. A realidade é que os atrasos non se deben ás paradas intermedias, senón a problemas na chegada a Madrid, como se comproba cada día.

Por iso, facemos un chamamento á cidadanía: cómpre participar activamente nas mobilizacións, mesmo quen non sexa usuari@ habitual do tren. Cada dereito perdido é unha fenda máis na estrutura dos servizos públicos: hoxe é o tren, mañá a sanidade, a educación ou a xustiza. Seguimos a ser un territorio de sacrificio, cada vez máis illado e despoboado.

As persoas que vivimos no rural temos dereito a servizos públicos de calidade e a vivir no noso territorio en igualdade de condicións. As decisións políticas que nos prexudican poden e deben ser revertidas.

Demandamos paradas de tren que respondan ás nosas necesidades reais. Queremos un tren público, útil e que vertebre o territorio. Temos dereito a mobilidade e a futuro.