O delegado territorial da Xunta participou este serán no 3º aniversario do nacemento da Asociación Ourensividad
Manuel Pardo enxalza á provincia de Ourense como un territorio de Lonxevidade
O delegado territorial louvou a excelencia dos nosos produtos alimentarios e subliñou a importancia de apostar pola calidade dos produtos locais e de temporada como vía para garantir a sustentabilidade económica e social do rural galego
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe o valor nutritivo e as propiedades saudables dos alimentos autóctonos e os hábitos saudables da provincia que “fan de Ourense un territorio exemplo de lonxevidade”.
Manuel Pardo louvou a excelencia dos nosos produtos alimentarios e subliñou a importancia de apostar pola calidade dos produtos locais e de temporada como vía para garantir a sustentabilidade económica e social do rural galego, enxalzando o bo facer dos produtores locais.
Así o fixo o delegado territorial no 3º aniversario do nacemento da Asociación Ourensividad, coincidindo coa presentación dos resultados do estudio ‘El fenómeno de los centenarios Ourensanos’, que se desenvolveu este serán no Liceo de Ourense co gallo de potenciar o valor nutritivo e as propiedades saudables dos alimentos autóctonos e os hábitos saudables da provincia de Ourense.
O delegado territorial agradeceu aos representantes desta asociación o labor levado a cabo nestes tres anos e enxalzou o seu traballo porque “conseguistes poñer en marcha un proxecto que sen dúbida contribuirá a facer de Ourense un referente como provincia de calidade de vida e que marca o inicio do verdadeiro valor que Ourense ten como referente mundial de calidade vida e lonxevidade.”
O delegado territorial participou na entrega de recoñecementos vitais a catro mulleres centenarias, que “que representan os valores máis puros das nosas orixes e erguen coa dignidade do proveito o labor dos nosos devanceiros”. Manuel Pardo significou que o feito de que na provincia de Ourense haxa un número tan elevado de centenarios en relación con outras partes do mundo ten inexorable que ver coa alimentación de proximidade, os hábitos saudables e o medio ambiente.
“Son dos que pensa que a modernidade soamente poder ser artellada dende a tradición, baixo un rigoroso exame da nosa propia conciencia”, continuou, e así o entende o Goberno de Galicia.
Manuel Pardo subliñou que “témola obriga de insistir no aproveitamento dos recursos; na valorización dos tempos empregados; na excelencia dos servizos prestados; na renuncia dos modelos ineficaces e obsoletos, e na colaboración leal entre todos”. “E aquí nestas catro mulleres, que hoxe homenaxeamos, temos o exemplo”, sentenciou Lei da calidade alimentaria de Galicia.
O delegado territorial referiuse á Lei da calidade alimentaria de Galicia que reafirma a aposta da Xunta pola sustentabilidade e a trazabilidade das producións primarias da nosa comunidade, así como pola promoción desa excelencia e pola profesionalización e o fomento da participación do sector.
Deste xeito – significou o representante do Goberno galego- “este texto vai servir para seguir potenciando as nosas denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e outras producións de calidade, como as ecolóxicas e as artesanais, de xeito que Galicia se consolide como a comunidade autónoma que, en relación ao seu tamaño, conta cun maior número de indicativos de calidade”. Ademais, engadiu que a lei supón unha mellora na eficacia do sistema de control oficial, para que Galicia continúe sendo un referente a nivel español de rigor no cumprimento da normativa alimentaria, co obxecto de crear un marco de competencia leal entre os operadores e proporcionar garantías ás persoas consumidoras.
Manuel Pardo animou aos pesentes a seguir afondando nas causas deste envellecemento saúdable da provincia de Ourense como icona da lonxevidade global e inxeriu aos expertos en zonas azuis a que a nosa provincia sexa certamente unha das candidatas a formar parte dese conxunto privilexiado de “zonas azuis”, onde chegar aos cen anos e con calidade está ao alcance de todos.