Cincuenta.

Quixen botar a vista atrás todo ese tempo e decateime de que eu era un neno de dez anos que, para facer o cuarto curso da EXB de entón, abandonou a Escola Nacional Graduada Mixta onde moitos rapaces e rapazas da Limia tivemos por mestres a don Paco Casares, a dona Basilisa Rodríguez e a dona Beatriz González, para ir estrear un novo colexio na Seara, que hoxe é o CEIP Rosalía Castro, en tanto non se remataba de acondicionar o que nos tocaba, cousa que se demorou algúns meses.

Disque os antigos romanos se basearon no sistema numeral etrusco para crear o seu sistema de numeración. Para nomear os números escolleron as letras do seu abecedario que máis se parecían aos símbolos etruscos. Por exemplo, para o un (θu en etrusco) o símbolo I coincidía co romano, o mesmo que o X para o dez. O cinco, que para un romano era a letra V, para un etrusco era a mesma letra invertida. Máis difícil resulta atopar unha explicación para o número cincuenta, pois o muvalχ etrusco que se representaba cunha frecha cara arriba, os romanos nomeábano cun L maiúsculo. Atopei polo menos tres teorías diferentes que non vou contar aquí, pois non veñen ao caso. O que si vén é unha realidade que se cumpre este ano: o cincuenta aniversario do hoxe CEIP Carlos Casares.

Quixen botar a vista atrás todo ese tempo e decateime de que eu era un neno de dez anos que, para facer o cuarto curso da EXB de entón, abandonou a Escola Nacional Graduada Mixta onde moitos rapaces e rapazas da Limia tivemos por mestres a don Paco Casares, a dona Basilisa Rodríguez e a dona Beatriz González, para ir estrear un novo colexio na Seara, que hoxe é o CEIP Rosalía Castro, en tanto non se remataba de acondicionar o que nos tocaba, cousa que se demorou algúns meses. Creo lembrar (a memoria pode traizoarme, alguén haberá que poida corrixirme se estou errado) que foi por volta de pasar as vacacións do nadal cando co ano novo, parte do alumnado nos mudamos ao que daquela se chamaba Colexio Nacional Comarcal número 2, tal como figura no meu libro de escolaridade. O meu mestre era don Pepe Carballal, case veciño dos meus avós cos que eu vivía no barrio da Mazaira. Para o seguinte curso, tocounos un segundo don Pepe, neste caso don Pepe Gude (pobres de nós, se tiñamos a ousadía de non chamar de don ao mestre ou de dona á mestra). O director do centro era don Francisco Casares Dacal, coñecido en toda a vila como don Paco. As materias que tiñamos (segundo figuran no libro) eran: lectura, escritura, lingua española, matemáticas, formación relixiosa, educación cívico-social, natureza, xeografía e historia, educación artística, educación física e, no caso das rapazas, ensinanzas do fogar. Cousas dunha época. Co pouso que dá o paso dos anos, vexo que, malia aprobar, as miñas peores notas eran en relixión e educación física. Neste caso, cómpre recoñecer que sempre fun un pouco calaceiro. Pasado o tempo, o colexio mudou a chamarse Serxio Mascareñas e moitos anos despois Carlos Casares.

O tempo, como a cabeza, non para. E nunca imaxinei que aquel neno que soñaba ser escritor, chegase a selo e fose ao colexio onde estudou para falarlle dos seus libros á rapazada toda. Agasalláronme cunha gorra do Patacontos que teño no cuarto onde escribo. Síntome orgulloso de ter estudiado alí, de formar parte da historia dese colexio que algún día foi o meu e acubillou centos de rapaces e rapazas cheos de soños. Parabéns por eses cincuenta anos facendo que a rapazada descubra o marabilloso mundo do saber e que a min me fixeron máis vello. De súpeto, cando pecho o libro de escolaridade do que abrollaron todas estas lembranzas, veño a descubrir que nacín catro días antes. Tanto ten ese pequeno erro, sobre todo se un garda dentro as boas experiencias vividas cincuenta anos atrás no colexio.

Rafael Laso Lorenzo.