250.000€ para renovar o firme de 9 rúas no Barrio de Abaixo de Xinzo

250.000€ para renovar o firme de 9 rúas no Barrio de Abaixo de Xinzo

A actuación será no Camiño do Regueiro, Serra de San Mamede, Serra de Manzaneda, Pena Trevinca, Serra do Larouco, Serra de Queixa, do Furriolo, do Padrón e Xabier Prado Lameiro.

O Concello de Xinzo de Limia continúa avanzando na súa aposta pola transformación do espazo público cunha intervención ambiciosa: a renovación integral do firme no coñecido como Barrio de Abaixo. O investimento, que supera os 254.000 euros, será financiado con cargo ao Plan provincial CooperOU da Deputación de Ourense.

A actuación abranguerá a maior parte das rúas e ruelas, agás as vías principais —Constitución, Galicia, Lepanto e San Roqueque contarán cun proxecto específico e máis ambicioso, actualmente en fase de planificación. Con esta obra, darase resposta a unha necesidade histórica e mellorarase de forma decisiva a mobilidade, o confort e a seguridade peonil no corazón da vila. A actuación será no Camiño do Regueiro, Serra de San Mamede, Serra de Manzaneda, Pena Trevinca, Serra do Larouco, Serra de Queixa, do Furriolo, do Padrón e Xabier Prado Lameiro.

Desde a Concellería de Obras e Mobilidade sinalan que esta intervención responde ás demandas da veciñanza recollidas nas distintas reunións mantidas nos últimos meses. “Cumprimos o acordado: avanzamos cara unha vila máis segura, máis accesible e centrada nas persoas”, declarou o concelleiro Ramón Gómez.

A reforma do firme no barrio de Abaixo inscríbese na estratexia “Xinzo Paso a Paso”, un plan municipal para revalorizar o centro histórico e recuperar espazo público. Súmase así á peonalización do centro e ás obras de humanización da N-525.

Con este novo paso, o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis amable, coidada e atractiva, na que a calidade urbana e o respecto polos espazos compartidos sexan piares fundamentais do desenvolvemento futuro.

Unnamed (71)