Presentación do libro Sabores e Saberes
Unha viaxe pola memoria, unha homenaxe a todas aquelas que alimentaron xeracións
Sabores e Saberes non é só un libro de receitas. É unha viaxe pola memoria, polas casas e polos fogares das mulleres da Limia. É unha homenaxe a todas aquelas que alimentaron xeracións sen saír nunca nos libros de historia, pero que foron, e seguen sendo, as verdadeiras arquitectas da nosa cultura alimentaria.
Somos quen coida a terra para que dela saian bos alimentos. Quen non tira a comida, quen reaproveita con respecto e creatividade. Quen come do que produce na súa horta, quen fai a matanza para ter alimento boa parte do ano, quen conserva, quen comparte, quen cociña para a familia e para a veciñanza.
Este libro nace con dous propósitos fundamentais:
1. Recoñecer a dignidade da comida das nosas nais, avoas, tías, sogras.
Porque foron elas, sen manual ningún, sen vídeos de internet, sen redes sociais, as que fixeron posible que comésemos con sabor, con agarimo e con identidade.
2. Poñer en valor a nosa cultura alimentaria.
Porque cada prato leva unha historia detrás: unha infancia, unha avoa, un fogar, un amor, unha emigración.
Un proxecto colectivo, valente e cheo de vida
Nada disto tería sido posible sen o traballo e a paixón de moitas persoas que puxeron corpo e alma neste camiño.
Lourdes Sotelo, Lourdes Augusto e Xiana Carballo fixeron a investigación, recompilaron receitas e coñeceron historias, acompañadas da súa mestra, Elena Jardón. Tres vidas distintas que, como os ingredientes dun prato ben feito, mesturaron saberes, emocións e territorios para crear algo novo e profundo.
Guadalupe, desde Biocoidados, foi a alma que ideou e empurrou este proxecto. Loitou porque saíse adiante, superando atrancos e esforzos, e logrou embarcar a moitas máis nesta aventura. Acompañada de Miriam, percorreron máis de 1.400 quilómetros visitando cociñas, falando coas mulleres, coñecendo a súa vida e aprendendo a súa maneira de relacionarse coa comida. Ese traballo invisible é o que dá forma e verdade a este libro.
E grazas tamén a Laura Aparicio, que lle deu forma visual ao proxecto cun deseño e unha maquetación que fan que cada páxina respire agarimo e respecto. E á A. Ourensividade (Ana López H. e Pablo G. Vivanco, dietistas nutricionistas), a M. Mandianes, ó Programa de Maiores no Rural de Cáritas...
Pero, sobre todo, este libro é voso, mulleres da Limia. Grazas por abrirnos as portas das vosas cociñas, das vosas lembranzas e das vosas vidas. Grazas por confiar, por compartir, por ensinar. As vosas receitas xa son historia viva da comarca. E este libro é un tesouro do que podedes presumir con orgullo.
Diversidade, encontro e futuro
Sabores e Saberes tamén quere ser un libro que fale do presente. Do que significa convivir, mesturarse, compartir.
Cando unha empanada feita en Boado se coloca á beira dunha arepa de Río Caribe, entendemos que o mundo pode ser máis xusto, máis humano, máis fermoso. Queremos que Lodoselo e A Limia sigan sendo lugares onde todas as persoas poidan sentarse arredor da mesma mesa, veñan de onde veñan.
Porque a comida une. Afecta. Lembra. Constrúe. Axuda a facer comunidade. Mesmo pode ser un acto de paz.
Este libro é para lembrar. Para recoñecer. Para agradecer. Para saborear. Para seguir construíndo xuntas un mundo máis xusto, dende aquí, dende a cociña, dende o rural, dende o corazón.
Esta actividade forma parte dos programas Galicia Acolledora e Capacidade Inclusiva, financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, dentro da subvención para a implantación de programas de interese social con cargo á asignación fiscal do 0,7% do IRPF.