Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Sarreaus, Bande e Trasmiras entre máis concellos terán cine ao aire libre
A Deputación achega o cine ás rúas dunha trintena de concellos este verán para contribuír á dinamización do rural
A Deputación de Ourense, no marco do seu compromiso coa cultura como un dos eixos principais do mandato, organiza un programa de proxeccións ao aire libre en diferentes concellos da provincia. O proxecto, chamado “Circuíto provincial de cine de verán 2025”, achegará o audiovisual a 30 municipios ourensáns. O deputado de Cultura, César Fernández, destaca o “apoio firme” da Deputación ao sector do cine, así como a todas as actividades que “contribúen á dinamización do noso rural”, como é o caso destas proxeccións.
Por outra banda, dende a área de Cultura da Deputación ponse en valor a “cooperación” para levar a cabo este proxecto, destacando o apoio de Agadic, presidido por Jacobo Sutil, de Gadis e da organización do cine de verán, a través da figura de Xoán Mariño.
Cinco títulos para todos os públicos
As películas que se proxectarán ata o próximo 30 de setembro son: “+ Cuñados”, “As Neves”, “Antes de Nós – Castelao”, “Os demos de Barro” e “Chicken Run – Amanecer de los Nuggets”, contribuíndo á variedade de formatos e adaptándose a todo tipo de público. Ademais, varias das películas rodáronse en Ourense e contaron con apoio da Deputación de Ourense.
No caso de “+ Cuñados”, a longametraxe proxectarase durante o verán nos concellos de Barbadás, Maside, Nogueira de Ramuín, Celanova, Vilariño de Conso, O Bolo, Melón e Sarreaus.
“As Neves” poderá verse en Viana do Bolo, Castrelo de Miño, Piñor, Avión, Montederramo e San Xoán de Río.
“Antes de Nós -Castelao” estará en Verea, Vilar de Barrio, A Peroxa, Cartelle, Maceda, Ribadavia, Trasmiras e Vilar de Santos.
“Os demos de Barro” exhibirase en Bande, Baños de Molgas e Allariz.
E, por último, “Chicken Run – Amanacer de los Nuggets” en Boborás, Esgos, Paderne de Allariz, A Mezquita e Carballeda de Avia.