O BNG de Xinzo, preocupado coa auga da Limia
Vila e Pozo defenden que “a Xunta debería asumir, dunha vez, o problema que temos diante e traballar nas solucións”.
O Bloque de Xinzo, a través dos concelleiros Camilo Vila e Manuel Pozo, veñen de transmitir a súa preocupación tanto pola calidade da auga na Limia como pola falta de plans que corrixan unha tendencia de incalculables consecuencias.
Apenas uns días despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no que responsabiliza á Xunta da contaminación das augas na comarca limiá tras a denuncia da veciñanza da zona das Conchas, xa se coñece a intención da Consellería de Medio Ambiente de recorrer o dictame xudicial, posición duramente criticada polo BNG.
Vila e Pozo defenden que “a Xunta debería asumir, dunha vez, o problema que temos diante e traballar nas solucións”. Así, valoran que son imprescindibles dúas vías de traballo no plan de acción que se tornou urxente: “esiximos toda a información sobre as causas do problema, as analíticas e resultados, o estado da calidade da auga e, por outro lado, un investimento económico que permita acometer as actuacións necesarias para garantir o futuro da Limia e das súas augas”.
Este posicionamento é tamén un aviso ó propio Concello de Xinzo de Limia toda vez que abrollan diferentes problemáticas co estado da auga noutros concellos da comarca como os de Calvos de Randín e Os Blancos a semana pasada.