A corporación destacou a traxectoria de Martín Portela, novo talento do motociclismo galego.
O pleno de Xinzo recoñece a Martín Portela e aproba medidas clave para a xestión municipal
Apróbase un suplemento de crédito para reforzar investimentos e manter o pagamento ao día de facturas
O Pleno ordinario do Concello de Xinzo de Limia serviu para aprobar unha serie de medidas de gran relevancia para o municipio, que abranguen desde cuestións económicas e de seguridade ata recoñecementos institucionais e posicionamentos políticos de carácter internacional.
Un dos momentos máis emotivos da sesión foi o recoñecemento oficial a Martín Portela, con case 10 anos é piloto de motociclismo que xa acumula unha importante traxectoria en campionatos autonómicos, estatais e mesmo internacionais. O pleno salientou a súa progresión ascendente e a súa proxección de futuro, outorgándolle unha placa conmemorativa. Ademais, Martín asinou no Libro de Honras e Distincións do Concello, deixando constancia do apoio unánime da institución á súa carreira. Tanto o alcalde, Amador Díaz, como a oposición salientaron que Martín serve de espello para moitos nenos e nenas de Xinzo.
No eido económico, aprobouse a Conta Xeral de 2024 e déronse luz verde a varias modificacións de crédito e recoñecementos extraxudiciais, coa finalidade de manter ao día o pago de facturas e reforzar partidas destinadas principalmente ao mantemento de servizos e infraestruturas. O debate centrouse na saúde financeira do Concello, que grazas á amortización progresiva da débeda pode dedicar os recursos dispoñibles a novas necesidades e investimentos, sempre baixo o obxectivo de saír do plan de axuste antes do ano 2032.
Tamén se validou por unanimidade o convenio coa Garda Civil en materia de seguridade, un acordo que reforza a coordinación entre institucións e permitirá incrementar a prevención, a vixilancia e a capacidade de resposta en todo o municipio, tanto no centro urbano como nas parroquias do rural.
O pleno serviu igualmente para fixar os dous días festivos locais de 2026, que serán o 17 de febreiro, Martes de Entroido, e o 20 de xullo, coincidindo co primeiro día hábil en torno a festividade de Santa Mariña.
Ao comezo do pleno deuse lectura a un manifesto de solidariedade pola vaga de lumes que afectou a Galicia nas últimas semanas, con especial mención ás consecuencias sufridas tamén no termo municipal de Xinzo. A corporación transmitiu deste xeito a súa solidariedade coas persoas e territorios damnificados.
A sesión concluíu cunha moción presentada polo grupo AXIL en apoio á poboación palestina e contra o xenocidio en Gaza e Cisxordania á que se sumaron o resto de grupos. A proposta recibiu o respaldo unánime, pasando a ser conxunta e converténdose nunha das mensaxes máis rotundas de solidariedade internacional emitidas desde Xinzo nos últimos anos.